Rozas sobre a proposta da nova empresa do SAF: “unha oferta adaptada á realidade do municipio de Santiago”

Implementará a zonificación demandada polas traballadoras, persoal auxiliar nas fins de semana e tamén especializado en atención a persoas con diagnóstico de saúde mental

María Rozas con Teresa Furelos e Eva González, da área de acción social

María Rozas con Teresa Furelos e Eva González, da área de acción social / CONCELLO

Xa é oficial, a nova adxudicataria do Servizo de Axuda no Fogar -SAF- de Santiago é a unión temporal de empresas composta por Siad24-Asistenzia Santiago. O anuncio fíxoo o venres a concelleira de Servizos Sociais, María Rozas, acompañada por Teresa Furelos e Eva González, técnicas da área de Acción social. Unha UTE que, segundo informou Rozas, “obtivo a máxima puntuación en case todos os indicadores avaliados nas mesas de contratación”, mais non foi a mellor valorada en canto á oferta económica, “na adxudicación pesaron máis outros criterios, na liña da nosa prioridade, que non era conseguir un mellor prezo senón un mellor servizo”.

Rozas insistiu neste sentido en que para o Goberno bipartito o servizo que ofrece o SAF é “unha cuestión moi sensible, que inflúe directamente na vida da xente”. A edil destacou da proposta de Siad24-Atenzia Santiago que “está baseada nunha pormenorizada análise previa do comportamento do SAF en Santiago, tanto na actualidade como con anteriores contratos, polo tanto a oferta está adaptada á realidade social do noso municipio e dános maior tranquilidade sobre o seu futuro funcionamento”.

A concelleira agradeceulle ao persoal de Servizos Sociais “o intenso traballo” e destacou o feito de conseguir adxudicar “un contrato complexo dunha contía moi elevada -algo máis de 12 millóns de euros- nun prazo de só tres meses e medio e sen sobresaltos”. “Todas tiñamos un enorme interese en sacar adiante este contrato canto antes porque o descontento coa actual adxudicataria é coñecido, ao igual que as sancións que o Concello lle impuxo á empresa polos seus incumprimentos nun servizo enormemente sensible”, engadiu María Rozas. 

A concelleira explicou tamén que a nova adxudicataria incluiu na súa oferta “un detallado plan para a posta en marcha do servizo, comprometéndose a reforzar o equipo de coordinación do SAF para atender as incidencias iniciais que se poidan producir polo cambio das empresas prestatarias”.

O SAF conta agora con 603 usuarios, con 42 persoas en agarda na modalidade de dependencia (que determina a Xunta financiando 12 euros a hora do custo total que supera os 22) e de 39 na modalidade de libre concorrencia (vía municipal para atender usuarios fóra da autorización da Xunta e á que esta última achega pouco máis dun euro). 

Co novo contrato, e co incremento previsto de horas -que chega ás 290.000, cen mil máis que no contrato que agora finaliza-, o obxectivo é suprimir a lista de agarda e ter capacidade para solicitarlle á Xunta a ampliación das horas asignadas na modalidade de dependencia, que na actualidade son 15.000 mensuais.

As melloras do novo contrato

Dende o departamento de Servizos Sociais destácase que co novo contrato haberá importantes melloras, entre as que destaca a coordinación entre as profesionais do SAF, que se reunirán individualmente coas coordinadoras cada mes (e non cada dous como esixían os pregos) e con xuntanzas trimestrais grupais. A empresa tamén prevé a formación dun equipo interinstitucional -departamento de Servizos Sociais e adxudicataria- que se reunirá tamén mensualmente.

Engádese no novo contrato unha reivindicación das traballadoras, a “zonificación”. O novo sistema de organización prevé a creación de equipos de tres traballadoras para cada zona, que terán información das circunstancias e necesidades dos usuarios e serán coñecidas por eles. Ademais, nas fins de semana e nos días festivos contratarase persoal específico tamén adscrito a un grupo de usuarios estable e crearase a figura do auxiliar de garda, “que cubrirá calquera ausencia”. Destaca, así mesmo, a incorporación de persoal auxiliar especializado na atención a persoas diagnosticadas con enfermidade mental.

O novo contrato marca catro técnicos para un volume de usuarios de entre 200 e 299, aos que se engadirá un técnico máis por cada cen usuarios e non por cada 200, coma agora. Ademais, elevaranse cada ano as xornadas de atención directa do persoal nun 5%.