O contrato do Servizo de Axuda no Fogar en Santiago xa ten empresa gañadora

O procedemento para a adxudicación está pendente do trámite fiscal e someterase a aprobación da xunta de goberno

A mesa de contratación otórgalle a maior puntuación a unión temporal de Siad24 e Protección Geriátrica  

Varias mulleres maiores con problemas de movilidade polas rúas de Santiago

Varias mulleres maiores con problemas de movilidade polas rúas de Santiago / Antonio Hernández

A nova licitación do contrato do SAF -Servizo de Axuda no Fogar- de Santiago decorre con axilidade segundo as declaracións realizadas pola concelleira de Servizos sociais, María Rozas, durante unha rolda de prensa (en relación aos orzamentos participativos da mocidade) realizada onte no Pazo de Raxoi. “Hoxe mesmo tivemos a última mesa de contratación do SAF”, dixo a edil en relación a este mércores.  

A pesar de que María Rozas quixo ser cauta en canto ao anuncio, xa que a adxudicación debe pasar aínda o trámite da fiscalización e someterse despois á aprobación da xunta de goberno local, o certo é que a plataforma de contratación municipal menciona a UTE -Unión Temporal de Empresas- composta por Siad24 e Protección geriátrica como posible adxudicataria. Segundo informaban previamente dende o Concello a intención era optar pola oferta máis vantaxosa das catro que se presentaron ao concurso. 

O orzamento deste novo contrato, contemplado na partida presupostaria aprobada polo Concello para 2024, duplica o actual, pasando dos 3,6 millóns de euros aos 6. Tratándose dun contrato por dous anos prorrogable, o orzamento base de licitación é de 12.233.143 euros, unha cifra que permita garantir, segundo a edil de Compostela Aberta -CA- “o obxectivo de prestar un servizo de calidade” tratándose dunha cuestión de alta sensibilidade social ao afectar a persoas maiores ou dependentes.

En relación coa cuestión orzamentaria do SAF, Rozas insistiu en que se “fixo un esforzo desde o punto de vista económico importante, unha aposta clara por este servizo, porque consideramos que é esencial, moi importante para o Concello de Santiago, polo que o obxectivo é que funcione o mellor posible”.

Para a nova licitación do contrato do SAF, ademais de constituírse a pertinente mesa de contratación, realizáronse mensualmente xuntanzas tripartitas, entre o Concello, os técnicos do mesmo e os representantes sindicais das traballadoras do servizo de axuda no fogar.

Xa no mes de febreiro deste ano a Concellaría de Servizos sociais apuntaba que agardaba que non se producisen demoras na nova adxudicación, xa que o contrato actual vence o próximo 31 de maio. Agora todo apunta a que se poderán cumprir os prazos, a pesar de que neste momento non é posible confirmar se a adxudicación se poderá debater na xunta de goberno do vindeiro luns ou na seguinte.

A actual concesionaria

Na mesma rolda de prensa, a edil María Rozas fixo referencia a actual concesionaria do SAF, Servisar, indicando que “non se presentou de novo” a esta licitación e recalcando que o Goberno Bipartito “tampouco queriamos” que o fixese. Rozas xa se pronunciou en máis dunha ocasión sobre o descontento do Executivo local con esta empresa, e unha vez máis incidiu en que “é público que non estabamos contentos coa maneira na que estaba a prestar o servizo”, polo que “nunca tivemos intención de botar man da prórroga”.

Rozas lembrou tamén as dúas sancións impostas a esta adxudicataria, a última delas, por unha “infracción moi grave”. Unha multa que ascendeu a 20.000 euros -que se sumaron aos 6.000 cos que xa fora sancionada a empresa co Goberno socialista de Sánchez Bugallo. Nesta segunda ocasión, María Rozas explicou a adopción da medida respondía a incumprimentos “graves e reiterados” das condicións do contrato que mantén co organismo municipal e que “afectan ás persoas máis vulnerables”.

Por iso, dende aquel momento o departamento de Servizos sociais iniciou unha comisión de seguemento da actividade de Servisar, un paso máis alá xa que mesmo durante a campaña electoral os partidos que integran a coalición -BNG e CA- se posicionaron abertamente a favor das reivindicacións das traballadoras do SAF.

A situación das traballadoras

O SAF foi un dos conflitos municipais no último tramo da lexislatura de Sánchez Bugallo, e incluso durante a precampaña e a campaña electoral do 28M. Xa antes, en febreiro, as traballadoras foran á folga para exixir a subida do IPC correspondente aos anos 2021 e 2022.

Duascentas traballadoras deste servizo estaban a cobrar por debaixo do salario mínimo interprofesional, denunciaban a descoordinación por parte da empresa, demandaban un cambio na zonificación (algunha traballadora facía ata 50 km. diarios) e reclamaban a modificación das súas condicións laborais de modo unilateral por parte da empresa.

 “Estamos con elas porque teñen toda a razón en canto aos recortes e as mudas na súa situación laboral, temos interlocucións continuas e marcaremos comisións para facer seguemento”, explicaba María Rozas en xullo de 2023.

Desta maneira, Servizos sociais, incluíu nos novos pregos medidas que eviten a repetición dos problemas das traballadoras coa actual adxudicataria, e os novos pregos inclúen a obriga da empresa de poñer en marcha un Plan de Calidade do servizo e un protocolo de atención das queixas e suxestións cun prazo de tres días para a posta en marcha das medidas precisas para a súa resolución e incorpórase un documento coas penalidades que se aplicarán no caso de que se produzan infraccións por parte da empresa concesionaria.

Suscríbete para seguir leyendo