A axuda no fogar, en folga: “En seis meses poden pasar polo mesmo domicilio 20 auxiliares diferentes”

As traballadoras do SAF convocan un paro o día 28 para reclamar o cumprimento do convenio e unha mellor organización do servizo

Un momento da rolda de prensa ofrecida polo comité de empresa do SAF onte en Santiago. jesús prieto

Un momento da rolda de prensa ofrecida polo comité de empresa do SAF onte en Santiago. jesús prieto / manu lópez

As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Santiago están “fartas” e queren facer visible a súa situación. Por iso, o comité de empresa de empresa de Servisar, concesionaria do servizo na capital galega e pertencente ao grupo DomusVi, anunciou onte a convocatoria dunha xornada de folga para o próximo martes 28 de febreiro, que incluirá unha concentración diante do Concello ás 10 horas.

Segundo explicou a presidenta do comité, Esther Goris, a súa principaldemanda pasa por exixir que se cumpra o convenio colectivo, especialmente a subida salarial correspondente ao IPC dos anos 2021 e 2022. “O noso salario base é de 1.042, 67 euros brutos a xornada completa, cando foi aprobada a semana pasada a subida do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) a 1.080 euros”, indicou. Unha das súas compañeiras, Jessica, resume que “a vida sube e os soldos non. Temos dificultades para chegar a final de mes”.

Dada a súa condición de traballadoras “precarias”, Goris incidiu en que “un día de folga repercute moito nas nosas economías”. Así mesmo, aclarou que “este comité non quería a folga, pero obríganos a empresa a ter que ir a ela”. A non aplicación da subida do IPC dos dous últimos anos estiman que supón percibir entre 100 e 150 euros menos ao mes.

O persoal do SAF lamentou que “somos as únicas de toda a comarca nesta situación” e sinalou que a posición da empresa é “unha represalia por non ratificar o preacordo no novo convenio”. Por outra banda, Goris salientou que Servisar si aplicou a subida do IPC noutros concellos onde ten a concesión da axuda no fogar, como é o caso de Vigo.

Ademais, reclaman medidas orientadas a unha mellor organización do servizo, como unha zonificación para reducir as distancias que teñen que percorrer a diario, unha fichaxe personalizada, que a xornada teña sempre o mesmo horario para cada auxiliar e un coordinador de referencia por zona. O cumprimento destas demandas aseguran que repercutiría nunha maior calidade da atención que reciben os usuarios, xa que actualmente “hai moito descontento e a culpable é a empresa”, indicou Goris.

Soledad, outra das 200 persoas que prestan este servizo en Santiago, sinala que cos cambios de horario “é imposible conciliar, porque cada día comezas e rematas a unha hora diferente. E non o sabes coa anticipación necesaria, moitas veces avisan no mesmo día”. Jessica engade que “a nivel emocional, xera moito estrés que nos cambien cada día, ter un novo coordinador ou percorrer grandes distancias. Hai unha moi mala organización e pasa factura a nivel psicolóxico”.

As auxiliares remarcan os efectos que teñen sobre os usuarios todas estas variacións. “O mesmo que nos bailan a nós de horario, fanllo a eles. Ademais, tamén cambian as auxiliares. “En seis meses poden pasar polo mesmo domicilio 20 diferentes sen causa xustificada”, relata Soledad. Do mesmo xeito, explica que “hai veces que chegan dúas á vez ao mesmo domicilio e noutro non hai ninguén”. Ante isto, resalta que “para eles é fundamental ter rutinas e coñecer a persoa vai atendelos”, ao que Araceli, outra traballadora do SAF, engade que “con tantos cambios hai persoas que se descentran moito”.

As consecuencias desta situación repercuten tamén na percepción da calidade do servizo que teñen tanto os usuarios como as súas familias. As traballadoras denuncian que cando hai queixas, “é culpa da auxiliar sempre, a empresa nunca asume a responsabilidade”, pero Araceli manifesta que “hai moitos que están moi queimados con isto e e saben que nós non temos a culpa porque coñecen a problemática que temos”.

O comité de empresa apunta tamén á “responsabilidade” que ten o Concello da súa situación e instan o goberno compostelán a que “actúe e obrigue á empresa a cumprir o convenio”. Goris indicou que “mantivemos diversas xuntanzas coa concelleira Milagros Castro sen que tomara ningún tipo de medida”.

A consecuencia disto, anunciaron que “este comité vai participar en todos os actos públicos que teña o alcalde para recordarlle a súa responsabilidade neste servizo”. Esther Goris criticou que o rexedor, Xosé Sánchez Bugallo, “presume de 700 usuarios atendidos e ter a lista de espera a cero, pero non fala dos apuros das traballadoras nin do mal que o pasan día a día”. Desta maneira, reivindicou que “máis calidade é mellor que cantidade” e lembrou que “hai un ano fomos premiadas pola nosa labor durante a pandemia”. Sen embargo, “nós pedimos menos premios e que nos dean o que é noso”.