Invasión de vehículos na Alameda: zona de carga e descarga ou estacionamento de feirantes?

A A.VV Fonseca denuncia que “os coches campan ás súas anchas”

Raxoi afirma que a Policía vela porque se cumpran as autorizacións

Veciños da cidade vella denuncian que os feirantes aparcan os seus coches na Alameda

Veciños da cidade vella denuncian que os feirantes aparcan os seus coches na Alameda / CEDIDA

En plena polémica sobre o posible traslado das atraccións da Alameda a algún outro lugar do centro da cidade, co gallo de protexer o patrimonio natural do parque, a veciñanza da cidade vella denuncia a ocupación desta área e da carballeira de Santa Susana polos vehículos dos feirantes que participan nas Festas da Ascensión. “O pasado 5 de maio un veciño envioume unhas fotos con vehículos aparcados na Alameda”, afirma o presidente da Asociación de Veciños (A.VV) Fonseca, Roberto Almuíña.

Unha situación que o presidente de Fonseca lle trasladou ao edil de Mobilidade, Xan Duro, preguntándolle: “Hai agora un párking na carballeira?”, ao que o concelleiro respondeu que “evidentemente non” e comprometeuse a investigar que pasaba. Pero o certo é que segundo denuncia Almuíña “en 13 días non tivemos máis noticias, e o sábado -en referencia ao 18 de maio- un veciño volvía a enviarme fotos” con vehículos estacionados na Alameda. 

Dende Raxoi aseguróuselle a este diario que salvo “momentos puntuais de carga e descarga e de montaxes e desmontaxes nos que se observou presenza de vehículos, a Policía Local patrulla habitualmente pola zona durante as festas para vixiar o cumprimento das condicións das autorizacións dos postos”. Pero a A.VV. Fonseca denuncia precisamente isto último, “a deixadez da Policía Local ou de quen manda nela”.

As denuncias da veciñanza non quedan aí, e Roberto Almuíña reclama tamén que en próximas festividades se instalen servizos para evitar o que pasou con algunhas persoas que se achegaron a tomar o polbo, “un espectáculo de xente ouriñando no parque”. Para o presidente de Fonseca esta non é maneira de protexer o patrimonio natural do parque máis antigo da cidade e engade que mentres se pugna pola sostiblidade e as cero emisións os feirantes “empregan grupos electróxenos, queiman gasóleo”.

O próximo 29 de maio, a asociación aproveitará a xuntanza do Plan Director da Alameda para trasladarlle a Raxoi estas e outras cuestións, coma as relacionadas co ruído na cidade vella, cuxa plataforma tiña que terse reunido co Goberno local no primeiro trimestre do ano, sen que esa reunión se producise polo momento.