Reunión dos socialistas coa asociación veciñal Fonseca para abordar os novos retos da zona vella

Gonzalo Muíños recordou a intención do partido de que do recadado coa taxa turística, unha parte importante se destine a axudas de rehabilitación e accesibilidade

Na reunión estiveron Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón e Mila Castro

Na reunión estiveron Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón e Mila Castro / PSdeG

Redacción

Mobilidade e rehabilitación son as dúas prioridades que marcan os socialistas dentro do ámbito especial da cidade vella de Compostela.

O grupo municipal vén de reunirse coa Asociación de Veciños da Cidade Histórica Fonseca para tratar o seu futuro “con retos tan importantes e prioritarios como a mobilidade”, segundo explicou o seu voceiro en Raxoi, Gonzalo Muíños.

Sobre mobilidade amósanse “preocupados” polo estado da estación de reparto de última milla que facilitará o distribución de mercadorías no casco histórico que, na actualidade, provoca “graves trastornos aos veciños e veciñas da zona, así como a todo que pase polas rúas da cidade vella durante a mañá”.

Muíños explicou que “nada se sabe” desta actuación que conta con fondos europeos. Así mesmo, tamén fixou como prioritario que se resolva a cuestión da nova ordenanza de circulación.

En materia de rehabilitación, Muíños recordou a intención do partido de que do recadado coa taxa turística, unha parte importante se destine a axudas de rehabilitación e accesibilidade: “traballaremos para esixir que isto sexa así”.