Os buses fóra de servizo comezan a abandonar o ‘cemiterio’ de Amio para convertérense en chatarra

Até o momento xa foron retirados da cocheira 26 vehículos e agárdase que nas próximas semanas se saquen os 12 que quedan

Na cocheira de Amio quedan aínda unha ducia de buses por levar á chatarra

Na cocheira de Amio quedan aínda unha ducia de buses por levar á chatarra / Antonio Hernández

A cocheira de Amio foi acollendo os autobuses do transporte urbano que se foron retirando –algúns dos vehículos da frota tiñan case 20 anos– ao quedaren fóra de servizo. Estes días Tralusa, a compañía de Monbus, e adxudicataria da rede de buses, está a trasladar aqueles que xa foron dados administrativamente de baixa ao desguace. 

Segundo o servizo de comunicación de Monbus, até o de agora xa se retiraron deste ‘cemiterio’ 26 autobuses e a medida que avance o procedemento administrativo das baixas será retirados co mesmo destino –convertérense en “chatarra”– os 12 vehículos que aínda quedan en Amio. Segundo explicou a concelleira de Compostela Aberta (CA) María Rozas durante unha entrevista radiofónica, “nunhas tres semanas” culminarase esta retirada.

Trátase, neste caso, dun acordo de Tralusa adquirido no pasado mandato, co Goberno de Xosé Sánchez Bugallo, que se está a resolver agora dende a Administración local. Segundo o servizo de prensa de CA, “os autobuses renovados pertencen a Monbus e os labores de retirada e despece para o desguace seralle descontado da liquidación anual que se lle paga á empresa”.

Un longo camiño para a renovación da frota

O Goberno socialista da cidade tivo que comezar a renovación da frota de autobuses seguindo o ditado do Ministerio de Transición Ecolóxica. Os vehículos, todos eles de máis de dez anos e algúns próximos aos 20, xa non podían funcionar mediante combustible fósil tan só, senón que se debían ir incorporando buses de 0 emisións. O problema: a cidade tiña un contrato prorrogado coa concesionaria, había que licitar un novo e varias empresas presentaron alegacións.

Agora é a quenda do Goberno bipartito, que dende que chegou ao poder traballa nos novos pregos, a cuxo estudo de custo tamén se presentaron alegacións. O proxecto do edil de Mobilidade, Xan Duro, conta coa renovación da frota, reducir as liñas e aumentar as frecuencias, pero polo de agora o documento aínda non lle foi enviado a Oficina Nacional de Evaluación (ONE). Segundo Duro, os pregos chegarán á ONE antes do verán, e logo todo depandará da aprobación do documento por parte da oficina, ou das correccións que envíe, polo que non haberá nova frota nin novo contrato até 2025.