O Concello de Santiago prorroga o orzamento de 2023 para transporte urbano

Raxoi adopta esta medida ante a ausencia de proposta da UTE Trapsa-Alusa

Continuarase a prestación do servizo “o tempo imprescindible para a adxudicación do novo contrato”

O Concello prorroga para 2024 o orzamento do ano pasado para o transporte urbano da cidade

O Concello prorroga para 2024 o orzamento do ano pasado para o transporte urbano da cidade / Antonio Hernández

A concelleira de Capital cultural, Míriam Louzao presentou na mañá deste luns os acordos adoptados en xunta de goberno local, entre os que destaca a prorrogación este ano do orzamento de 2023 de transporte urbano de Santiago. A medida adóptase en cumprimento do previsto nos pregos unha vez que a UTE Trapsa-Alusa -actual concesionaria do servizo- non presentara proposta de orzamento para 2024.

A edil explicou que esta prórroga inclúe “o prezo por quilómetro incrementado segundo a previsión do IPC xeral que é dun 2,7%” e destacou que a xunta de goberno tamén acordou “a continuidade da prestación do servizo nos mesmos termos pactados e polo tempo imprescindible para a realización da adxudicación do novo contrato”. Segundo contou Louzao o importe de compensación anual para 2024 distribuirase en 11 pagos mensuais de 501.720 euros “e un último pago pola mesma contía”.

Sentenza favorable a Viaqua

A concelleira Míriam Louzao deu conta tamén da execución da sentenza pola cal se declara o dereito de Viaqua “a percibir unha compensación polos maiores custos derivados da explotación da ampliación da EDAR da Silvouta” ordenada pola xunta de goberno en novembro de 2016.

O importe desta compensación, até 31 de decembro de 2023, fixouse en 310.937 euros, para o pagamento dos cales o Goberno bipartito aprobou a realización dos trámites necesarios “para o recoñecemento da obriga”.

Louzao aclarou que a dita compensación afecta “á explotación da fase 3 da depuradora” e naquela altura “Viaqua demandou que había uns custos maiores derivados desa ampliación, demanda que prosperou pero sen indicar a cantidade”. Logo do estudo da contía a indemnizar “o Concello asume este dereito e inicia a reserva de crédito”.

Obras e subvencións

A xunta de goberno local aprobou este luns unha serie de licenzas de obras que afectan o CEIP Arquitecto Casas Novoa (na Sionlla) e á rúa das Baleixas, na parroquia de Marrozos. No primeiro caso concédeselle a licenza á Consellería de Educación para instalar un ascensor, unha obra que terá unha duración de 3 meses e cuxo orzamento de execución material ascende a 58.338 euros.

Na rúa Baleixas, aprobouse un orzamento base de licitación de 47.231 euros (IVE incluído) que se adxudicará baixo procedemento aberto simplificado e afectará ao saneamento de zonas deterioradas e á aplicación de dobre ou triplo tratamento superficial “segundo corresponda”, especificou a edil Míriam Louzao. O prazo de execución deste proxecto é de 2 meses.

En canto a Servizos Sociais a xunta de goberno aprobou unha serie de convenios con diversas entidades, os de maior valor son os subscritos con Cáritas, por valor de 120.000 euros e co programa Semus Compsotela da Cruz Vermella, por valor de 100.000. Tamén con esta entidade foi con quen se estableceu un convenio por valor de 85.000 euros para o desenvolvemento dos programas de teleasistencia e atención a persoas sen fogar.

Con Aspas (Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual) aprobouse convenio por valor de 6.000 euros, a mesma contía que se lle outorga á Cociña económica; 5.000 euros serán os que reciba a Escola de Tempo Libre Don Bosco; 3.000 a Asociación Agadea -para axuda de enfermos con demencia tipo alzhéimer; e 2.000 para o Colexio de Avogacía de Santiago (para a quenda de profesionais da avogacía).

A xunta de goberno tamén aprobou a convocatoria de subvencións para o deporte federado, cun importe que ascende a 330.000 euros, “cun tope por club de 18.000 euros”, informou Míriam Louzao. Que tamén indicou que se aprobou, para o departamento de Cultura e Festas, a concesión de 13.900 euros para os premios do Entroido 2024.