Patricia Hermida, presidenta de AGEM: «Estamos no mellor momento da música de Galicia»
A presidenta de AGEM e organizadora dos Premios PALCO analiza o momento da industria musical galega e os retos dun sector que celebra este mércores a segunda edición dos seus galardóns na Sala Capitol de Santiago

Patricia Hermida, presidenta de AGEM e organizadora dos Premios PALCO. / Aigi Boga
A industria musical galega vive un momento de expansión e diversidade, pero tamén afronta retos que condicionan o seu futuro. Neste contexto, os Premios PALCO celebran a súa segunda edición este martes 3 de novembro na Sala Capitol de Santiago, cunha cita que busca recoñecer o traballo de todos os profesionais que fan posible o crecemento da escena musical galega. Falamos con Patricia Hermida, presidenta de AGEM e organizadora dos premios, sobre o presente do sector, os desafíos pendentes e o papel deste novo encontro profesional.
P. Que motivou a creación dos Premios PALCO e que papel consideran que deben desempeñar no recoñecemento da industria musical galega?
R. «Estes premios nacen pola necesidade que temos os profesionais de que se recoñeza o noso talento como un valor engadido a esa cadea que fai posible que os nosos artistas estean agora tan fortes. Parece que nos esquecemos de todo o que hai detrás das carreiras dos nosos cantantes, dos nosos grupos e das nosas bandas. Queríamos poñer o foco en todo o que hai que desenvolver para que poidan ocupar os lugares que están ocupando agora mesmo, que son moitos e moi importantes no panorama estatal».
P. Este ano, The Rapants e a Fundación Paideia reciben un dos recoñecementos dos premios. Que valor teñen para vós estas dúas traxectorias e que importancia lle concedes ao labor de iniciativas como Paideia na formación e profesionalización dos músicos galegos?
R. «The Rapants é un grupo que creceu dun xeito moi orgánico, que soubo adaptarse aos tempos e que ten unha conexión incrible coa xente nova. Por outra parte, a Fundación Paideia leva facendo un traballo encomiable durante os últimos dez ou quince anos na formación e na profesionalización deses músicos que non teñen ese apoio por parte dos profesionais, a través de diversas formacións e apoios ao desenvolvemento das súas carreiras. Moitos deles, como, por exemplo, The Rapants, pasaron pola fundación e polas diferentes opcións que ofreceron ao longo do tempo. O seu labor é desinteresado e moitos dos grupos e artistas que pasaron pola Fundación Paideia ocupan agora mesmo un lugar destacado dentro do panorama musical».
A Fundación Paideia leva facendo un traballo encomiable durante os últimos anos na formación e na profesionalización de músicos que non teñen ese apoio por parte dos profesionais
P. PALCO vai máis alá da propia entrega de premios e inclúe varias xornadas de actividades profesionais. Que propostas e contidos atoparán os asistentes durante estes días e que obxectivos perseguen con esta programación?
R. «Durante o mércores e o xoves teremos unha programación bastante variada que atenderá a todos os elementos da cadea de valor. Haberá desde obradoiros para profesionais do sector cultural ata charlas que abordan temas candentes e xornadas específicas con moitos contidos que pretenden dar solucións a problemas que estamos detectando no sector. Tamén realizaremos encontros nos que anunciaremos cales son os seguintes obxectivos que se van abordar dentro do Plan Estratéxico».
P. A música galega está a vivir un momento de gran diversidade, cunha presenza cada vez maior de propostas de diferentes xéneros e estilos. Consideras que estamos ante unha das etapas máis importantes da súa historia recente?
R. «Eu sigo insistindo en que o principal e o absoluto é crer realmente no valor do talento que temos, non só enriba do escenario, senón tamén arredor e debaixo del, tanto por parte dos e das profesionais como por parte do público. Temos un público que soubo medrar connosco, que está realmente acostumado a recibir novas propostas e que validou todo este universo creativo que xurdiu nos últimos anos. Eu sempre defendo que estamos no mellor momento da música en Galicia, non porque non houbese outras propostas da mesma calidade en anos anteriores, senón porque agora mesmo estamos abarcando absolutamente todos os xéneros, algo que hai uns anos sería impensable».
«Eu sigo insistindo en que o principal e o absoluto é crer realmente no valor do talento que temos, non só enriba do escenario, senón tamén arredor e debaixo del, tanto por parte dos e das profesionais como por parte do público»
P. Malia este bo momento creativo, tamén existen retos e dificultades dentro da industria. Cales son as principais fortalezas da música galega e que carencias consideras que aínda están pendentes de resolver?
R. «Temos que analizar as fortalezas e as oportunidades que ten o sector, pero tamén as carencias e as debilidades. Cómpre facer unha análise interna, e isto é algo que temos pendente e que debemos abordar en breve. Estamos vivindo un momento no que quizais estamos traballando coa inercia de sempre. Estamos acostumados a que exista unha serie de programacións que fan que, ao mellor, a oferta estea superando prezos que quizais non se poden recuperar coa venda de entradas. Temos que sentarnos, temos que falar e temos que analizar un pouco que é o que estamos construíndo e como o estamos construíndo».
- Los que conviven con la muerte cada día en Santiago: 'Nosotros no tenemos clientes, ayudamos a las familias en sus peores momentos
- La Policía Nacional refuerza la vigilancia en Santiago tras difundirse una convocatoria de 'Blocus': amenazas de altercados y saqueos
- El CiMUS lamenta la muerte de la científica Marta Shahbazi, sobrina de la conocida investigadora compostelana María José Alonso, en el accidente de Toledo
- El mítico bar de Santiago que triunfa con su menú del día de 9 euros: 'Aquí no tenemos carta
- Reformar en el casco histórico de Santiago, un quebradero de cabeza: 'Pasas más tiempo llevando los materiales que trabajando
- La alta velocidad de Santiago dejará de controlarse desde Atocha y pasará a gestionarse desde Galicia
- Constituyen un nuevo comité para 'parar Santiago' el próximo 11 de noviembre
- Hallan muerto al hombre que fue secuestrado y maniatado en Santiago por una deuda de 20 euros