Ebro desembarca en Santiago con un novo concesionario da man de Pérez Rumbao
O novo establecemento conta con 750 metros cadrados de instalacións e servizos de posvenda e recambios, e reforza a expansión da marca en Galicia
Inauguración do novo concesionario de Ebro en Santiago. / Antonio Hernández
A marca de automoción Ebro continúa a súa expansión por Galicia e desembarca en Santiago de Compostela. A firma automobilística inaugurou este xoves un novo concesionario xestionado polo Grupo Pérez Rumbao, que se suma aos outros catro establecementos da marca en Galicia: dous na provincia da Coruña, un na de Pontevedra e outro na de Lugo.
Jacobo Ramos, director da división Ebro-Pérez Rumbao, explica que este novo concesionario achegará a Santiago unha marca "cuxos vehículos están a ter unha aceptación moi, moi, moi notable entre os clientes particulares. Ebro é a marca de maior crecemento histórico no mercado español", afirma.
O concesinario encheuse para a inauguración. / Antonio Hernández
As instalacións
O novo concesionario conta con arredor de 750 metros cadrados de instalacións interiores, aos que se suman outros 400 metros cadrados de espazo exterior destinado aos clientes. Neste último habilitarase unha zona de exposición duns 300 metros cadrados. Ademais, o establecemento dispón de servizos de posvenda e recambios para atender as necesidades dos usuarios.
A elección de Santiago de Compostela responde tamén á importancia estratéxica da cidade para a expansión da marca en Galicia, tanto polo seu peso institucional como pola súa proxección de futuro. "Queremos achegar esa oferta a Santiago de Compostela, que, sen dúbida, é unha cidade importantísima para nós como empresa e para Ebro como marca", sinala Ramos. "Tanto pola súa condición de capital de Galicia como pola presenza de centros oficiais, universidades e outras institucións, é fundamental estar representados aquí. Por suposto, estando ás portas do Xacobeo, hai que estar", engade.
Equipo do novo concesionario de Ebro. / Antonio Hernández
SUV e eléctricos
En canto á oferta da marca, Jacobo Ramos destaca a variedade de modelos e a aposta polas novas motorizacións, cunha gama adaptada a diferentes necesidades: «EBRO é unha marca na que todos os seus modelos teñen un denominador común: son SUV. O 90% da gama está electrificada, con modelos híbridos e híbridos enchufables. Ofrecer catro tamaños de carrozaría con estas tecnoloxías permítenos cubrir un abano moi importante do mercado».
Sobre a evolución do sector e o futuro das motorizacións, o director da división Ebro-Pérez Rumbao aposta por unha transición cara ás enerxías limpas, adaptada ás necesidades e aos hábitos de cada condutor: "Se vemos as cifras do mercado español, os coches híbridos e híbridos enchufables representan arredor do 30% deste mercado. Isto quere dicir que, escoitando o cliente, vemos que está a aceptar esta tecnoloxía para o seu día a día. Creo que se trata de dar coa tecla do que necesita, poñendo o cliente no centro das decisións. O futuro do automobilismo pasa por unha enerxía limpa, diso non hai ningunha dúbida".
De cara ao cliente, Jacobo Ramos pon o foco na atención personalizada e no acompañamento durante toda a vida útil do vehículo, cunha oferta de servizos que vai máis alá da comercialización: "Ademais da venda de automóbiles, o noso principal servizo é tratar os clientes de Compostela como se fosen veciños, estar preto deles e ofrecerlles un servizo integral de 360 graos arredor do seu coche. Así, calquera tipo de necesidade que poida xurdir, estaremos aí para poder cubrila".