A Real Academia Galega e PuntoGal entregan os premios do Concurso de microrrelatos

Son nove as galardoadas entre as máis de mil persoas que participaron coas súas historias

As persoas gañadoras na VI edición do concurso de microrrelatos da RAG e Puntogal

As persoas gañadoras na VI edición do concurso de microrrelatos da RAG e Puntogal / PuntoGal

A entrega de premios do VI Concurso de microrrelatos que convocan conxuntamente a Real Academia Galega (RAG) e PuntoGal terá lugar este luns, 10 de xullo, a partir das 17.30 horas na Fundación Luis Seoane (A Coruña). Foron nove as persoas premiadas de entre as máis de mil que participaron con historias de ata 200 palabras nas tres categorías establecidas: infantil, xuvenil e adultos.

O primeiro galardón da categoría de persoas adultas recaeu en Nel Vidal, docente no IES Rego de Trabe de Culleredo. Deberes de lingua foi o microrrelato co que conseguiu o galardón, toda unha reflexión sobre o que significa compartir a vida. O segundo foi parar a Nanda Costas, veciña de Nigrán, por A foto, unha historia coa que viaxa a tempos pasados nos que a fotografía foi o principal recurso para inmortalizar aos seres queridos.

O terceiro premio recaeu noutra docente do IES Rego de Trabe, en concreto na directora do centro, Mónica Fraga. O seu relato titulado Zen fíxoa merecedora de dito recoñecemento.

Categoría xuvenil

Tres mozos de Ames, Vigo e Teo foron os premiados nesta modalidade na que participaron case 400 mozos e mozas de entre 12 e 17 anos. A máxima distinción foi para Andrea Bravo, estudante no IES do Milladoiro, por Querer, de tan só 9 palabras. O segundo galardón recaeu en Mencí Jorge, alumna do IES Castelao, por Perda, e o terceira levouno Beatriz Martínez, estudante do IES de Cacheiras por Con un pouco de azucre.

Categoría infantil

Case 200 nenos e nenas de ata 11 anos se presentaron a esta modalidade. Os gañadores foron Ainhoa Valverde, do CPI de Cova Terreña, que obtivo o primeiro premio con O meu irmán. Arwen Fernández, do CEIP Humberto Juanes, fíxose co segundo posto grazas a O poema, o segundo relato máis curto dos distinguidos, con só 11 palabras. O terceiro recaeu en Mai Lemmen, alumna do CEIP Castrelo do Miño, por A gatiña saltarica.