Xosé Bustelo, un dos piares na investigación do cancro, ingresa na Real Academia de Farmacia de Galicia

O novo académico centrouse na súa investigación das oncoproteínas RAS, cuxo estudo é fundamental para desenvolver tratamentos oncolóxicos

Cre que o sistema científico galego mellorou, pero queda moito por andar

Xosé Bustelo, no centro, Ángel Carracedo (2º esquerda) e Julio García Comesaña (3ºesquerda), xunto a académicos da Real Academia de Farmacia, onte

Xosé Bustelo, no centro, Ángel Carracedo (2º esquerda) e Julio García Comesaña (3ºesquerda), xunto a académicos da Real Academia de Farmacia, onte / CEDIDA

 “É un honor que me escollesen a min porque hai moitos científicos galegos que son importantes”.

Así se expresaba hai uns días para este xornal o investigador Xosé Bustelo tras coñecer a noticia de que pasaría a formar parte da Real Academia de Farmacia de Galicia. O padronés é un dos investigadores máis relevantes da nosa comunidade: traballa no Centro de Investigación del Cáncer (CIC) de Salamanca e no Centro de Investigación Biomédica en Red de Cáncer (CIBERONC), e actualmente é tamén o presidente da Federación de Sociedades Españolas de Oncología (FESEO).

Este martes tiña lugar o acto de ingreso na sede da Real Academia de Farmacia de Galicia (Antigo Hospital de San Roque, en Santiago) e a presentación corría a cargo do catedrático de Medicina Legal da USC, Ángel Carracedo. “Acollemos hoxe na Academia a un dos investigadores máis notables da nosa terra que, malia traballar desde hai anos fóra dela, nunca deixou de ter unha estreita relación con Galicia”. Así arrancaba o discurso de presentación, no que explicaba que o investigador “está moi orgulloso de ser de Iria Flavia” e no que desvelaba curiosidades como que decidiu estudar Bioloxía ante a “sorpresa e preocupación” da súa familia.

O propio Xosé Bustelo contaba a este xornal que “naquela época o principal problema que vía a miña familia era que a Bioloxía se tiña como unha carreira con moito paro, pero eu sempre pensei que se te dedicas plenamente á túa ambición ao final sempre consigues saír adiante”. E así foi, ata o punto de que hoxe é un dos científicos mundiais máis citados segundo a Stanford University Ranking e atesoura innumerables premios que acreditan a importancia das súas investigacións no ámbito oncolóxico. Xosé Bustelo, seguiu a contar Ángel Carracedo, decidiu marchar a Estados Unidos. “Foi durante esta estadía nos Estados Unidos cando esta paixón polo coñecemento do cancro a nivel xenético e molecular fructificou”.

Logo regresou a España, onde leva xa 23 anos, pero non volveu a Galicia porque “daquela, e aínda hoxe en día, Galicia carecía de centros temáticos de investigación en cancro”, resalta Carracedo. Acabou, precisamente, argumentando que “se fóramos listos deberíamos aproveitarnos da debilidade de Xosé pola nosa terra para facerlle unha boa oferta que o enfeitice para vir de volta a facer ciencia no noso país”.

“Se fóramos listos deberíamos aproveitarnos da debilidade de Xosé pola nosa terra para facerlle unha boa oferta que o enfeitice para vir de volta a facer ciencia no noso país”.

Ángel Carracedo

— Catedrático de Medicina Legal

Cando o novo académico da Real Academia de Farmacia de Galicia tomou a palabra aproveitou para reflexionar sobre “o moito que cambiou o sistema científico galego dende que rematei a tese en Santiago”. Destacou que agora contamos con moitos grupos de investigación “moi ben dotados” que traballan “cun alto nivel de impacto científico” e que son capaces de “conseguir financiación altamente competitiva a nivel internacional”. Non obstante, insistiu en que “aínda temos moito que mellorar para poñernos ao nivel de países punteiros na ciencia e na economía do coñecemento”. Engadiu ademais que “hai países que antes estaban detrás de nós e que agora nos están a adiantar”. É por iso que insiste en que é necesaria unha estratexia a longo prazo para “aspirar a estar na cabeceira dos postos de innovación a nivel estatal e europeo” e considera que hai “que cambiar a organización do sistema de ciencia do noso país”.

"É necesaria unha estratexia a longo prazo para “aspirar a estar na cabeceira dos postos de innovación a nivel estatal e europeo"

Xosé Bustelo

— Doutor en Bioloxía

Na parte académica do seu discurso, titulado O longo camiño cara o achado de fármacos contra as oncoproteínas RAS, Bustelo tratou diversos temas relacionados coa investigación e a regulación das oncoproteínas RAS, que están estreitamente vinculadas a unha serie de enfermidades e, particularmente, ao cancro. Ademais analizou as investigacións sobre a busca de inhibidores efectivos contra RAS, incluíndo enfoques competitivos, estimuladores da actividade GAP, inhibidores da biosíntese e outros axentes que poderían desempeñar un papel fundamental no tratamento de enfermidades asociadas a mutacións de RAS. Este é un tema de alto interese porque, despois de 40 anos de intentos frustrados por diversas causas, por fin conseguiuse o desenvolvemento de fármacos efectivos que xa pasaron ao entorno clínico.

As oncoproteínas RAS teñen un papel crucial na regulación da división celular e o crecemento das células. Non obstante, cando se volven defectuosas, poden desencadear o crecemento descontrolado das células, o que é un dos eventos clave no desenvolvemento do cancro.

Polo tanto, as oncoproteínas RAS son un obxectivo importante de investigación no campo do cancro, xa que comprender como funcionan e como se poden controlar é esencial para pór en marcha tratamentos contra esta enfermidade.