Entrevista | Xaime Toxo Escritor e presidente do Ateneo de Pontevedra

“O desenvolvemento actual está baseado na explotación de recursos como se non tiveran límite”

O escritor Xaime Toxo / cedida

O escritor Xaime Toxo / cedida

O mundo das letras e da literatura é tan profundo como a obra dalgúns dos seus membros. Xaime Toxo (Bueu, 1955) non só é o presidente do Ateneo de Pontevedra, senón que tamén é escritor. Recoñecido polos seus relatos, como As palabras que move o mar (2015) e Protexer o invisible (2016), e pola súa poesía, con Cadernos do mar (2014) e A casa sen nós (2019), nesta ocasión decidiu sorprender aos seus lectores cun novo xénero: a novela, coa que se estrea no panorama literario publicando 70º norte (Editorial Galaxia).

Vostede ten obra publicada dentro do eido do relato e da poesía, por que decide lanzarse a publicar unha novela?

Esta historia, nun comezo, realmente tratábase dun relato que escribín hai un par de anos. Foi nunha relectura cando rematei decidindo volver escribila, o que fixo que medrara tanto que rematou por tomar un tamaño novelístico, polo que de aí ven.

Cal diría que foi a súa principal fonte de inspiración para escribir 70º norte?

A miña inspiración é a sensación de que estamos nun momento crucial dunha civilización, que é a que procede da Ilustración, á que afectan tanto os cambios sociais como os tecnolóxicos. Considero que estamos no albor dunha civilización distinta.

Entón, cree que estamos nun momento onde a civilización está a piques de dar un salto?

Ese é o gran eixo desta novela. Unha civilización que se rexe doutra maneira. Hai unha serie de crises que fan que as cousas non vaian da mesma forma a como eran. Fundamentalmente creo que hai unhas tecnoloxías do coñecemento e comunicación, incluso de aspecto cognitivo evolutivo, que son interfaces entre o ser humano e a máquina e que poden dar lugar a unha serie de cambios que inaugurarían unha nova era. Unha nova sociedade.

A súa novela parte dun colapso social, por que?

Eu ambiento a historia nunha situación que poderíamos considerar distópica onde esa civilización agónica chegou xa ao seu final. É así como xorden unha serie de protagonistas que tentan atopar unha solución de salvación e supervivencia a esa extinción que está cada vez máis preto. A novela é unha viaxe cara o norte, concretamente 70 graos norte, que é unha latitude remota cunha gran presenza da natureza, que é outra das grandes protagonistas do libro.

Por que sitúa a salvación xustamente no norte?

O motivo é que é unha latitude remota. A civilización da que escribo está acostumada ás urbes, que son tamén cara onde nos diriximos agora mesmo, polo que canto máis lonxe esteas desas megalópoles máis posibilidades terás de sobrevivir. Na novela o que manteño é que ese modelo urbano social é onde se produce o colapso: ao final son grandes áreas urbanas imposibles de xestionar.

Cree que, dalgunha forma, a sociedade actual está camiñando cara un colapso das características que reflicte na súa novela?

Hai sinais que son difíciles de interpretar pero que están aí xa. Estamos asistindo ao final da Ilustración tal e como a coñeciamos, entendendo como Ilustración a era de Gutenberg e a imprenta. Estamos enxeridos nunhas tecnoloxías nas que, nun futuro non moi aloxado, o libro xa non será unha ferramenta de coñecemento. Hai unha crise do sistema político social que dará lugar a novas formas de poder que non sabemos como serán. Tamén hai ese fenómeno de desprazamento de grandes masas de poboación a sistemas megaurbanos que pode ser que colapsen. Todo isto rematará por dar lugar a algúns dos problemas cos que eu intento traballar nesta novela dándolles certa aura de distopía.

Considera que o ser humano está tentando rexeitar o seu lado natural?

Non é que o crea, é que é unha constatación. O desenvolvemento actual está baseado na explotación de recursos como se isto non tivera límite, que sabemos que o ten e que estamos a piques de chegar a el. Estamos indo cara uns niveis de contaminación e cambio con respecto a natureza que son moi perigosos. Estamos provocando a extinción masiva de distintas especies, desfacendo todos os sistemas naturais primixenios en busca de recursos, e iso rematará por ter unhas consecuencias. Se te paras a pensar, temos urbes de millóns e millóns de habitantes, persoas que non teñen contacto coa natureza máis aló do que poden ter por medio das pantallas.

Que podemos facer a este respecto?

Non pode haber supervivencia sen que esta non leve a que o planeta que nos permite vivir nel recupere un papel protagonista esencial. Aí entrarían xa o resto das especies, o respecto cara elas e o que entendemos como a natureza. Este ritmo desaforado de consumo e explotación non leva cara outra saída que a catástrofe.

Entón, a pesar de que vostede fala dun relato distópico, tamén estamos ante unha profunda crítica social.

Cústame desvincular ambas cousas. A novela podería pertencer á distopía, pero é profundamente social. Non estamos ante o xénero de ciencia ficción, senón que establezo unhas metáforas a través das que busco reflectir o que me parece que pode ser un futuro bastante próximo.

É unha persoa moi vinculada co panorama cultural. Ttendo en conta todo o que acaba de sinalar, como prevé que será a futuro a situación de, especificamente, a literatura?

É algo complicado de responder. Creo que o feito de narrar historias, escribir libros ou, simplemente, reflexionar e ficcionar son unha das características da especie humana dende que existe. Os libros ou, especialmente, a idea de libro é fundamental. Non creo que esa capacidade de narrarnos desapareza, pero non sei como se vai establecer ese relato dentro duns anos. Neste libro fago un xogo sobre iso porque o protagonista á vez que se desenvolve a historia está escribindo outro libro. Non hai unha nova civilización que non estea baseada nunha historia anterior con elementos de lenda e de realidade e, polo tanto, todos eses compoñentes van a continuar nas seguintes etapas civilizatorias, está no noso ADN. Pero non sei como será o formato, non sei se a novela vai sobrevivir como xénero ou se haberá outros elementos narrativos.

Considera que, tal como pasa na sociedade da que fala no seu libro, a cultura está nun momento de colapso?

Neste momento a cultura acadou un desenvolvemento moi importante, pero isto tampouco quere dicir moito. Estamos nunha sociedade do coñecemento como nunca a houbo na historia, pero non parece que isto protexa á propia civilización contra os seus perigos. A cultura é fundamental para entendernos e, polo tanto, esta tendencia que hai agora mesmo de negación da cultura ou relativización da mesma é unha consecuencia ou síntoma desa crise da que falaba. É un compoñente máis: por en cuestión o coñecemento baseado na ciencia experimental e os grandes logros humanísticos ou espirituais.