Entrevista | Víctor Fernández Freixanes Escritor, xornalista e presidente da Real Academia Galega

“Hai mulleres na RAG moi preparadas e que darían magníficas presidentas”

Víctor Fernández Freixanes, nun momento da entrevista

Jesús Prieto

A Víctor Fernández Freixanes quédalle pouco máis dun ano de mandato na RAG e neste tempo unha das súas teimas foi achegar a institución á sociedade, ademais do labor de comunicación, clave das sociedades contemporáneas, coa incorporación das ferramentas que ofrecen as novas tecnoloxías.

A sede da RAG está en obras de renovación, pero conceptualmente tamén se nota unha renovación, no traballo que está facendo a RAG para chegar á sociedade.

Pois ten moito que ver coa remodelación física, porque a Academia é unha institución científica, de estudo, onde o seu centro fundamental é a lingua e a cultura. Máis agora na lingua, quizais, porque ten o mandato institucional e responsable da Norma. A Academia organízase en seccións en seminarios. O Seminario de Lexicografía ocúpase do Dicionario, que é, unha das xoias da coroa. O Seminario de Onomástica encárgase, entre outros temas, da toponimia e da coordinación de Galicia Nomeada, unha aplicación colaborativa que permite a calquera persoa participar na conservación da nosa microtoponimia, os nomes de leiras, montes ou regos, e que conta xa con case 3.000 colaboradores por todo o país. Á Sección de Lingua pertencen tamén os seminario de Sociolingüística e de Gramática, e despois temos as seccións de Literatura e Historia.

E un patrimonio moi amplo…

Si, e alén do labor das seccións cómpre ter en conta o patrimonio que conservamos no arquivo, na biblioteca ou na hemeroteca, un patrimonio que coidamos e achegamos á comunidade investigadora, e que tamén divulgamos entre o público xeral. Todos estes anos estivemos traballando arreo para dotar a RAG dunha estrutura tecnolóxica que permita comunicarse co mundo a través das novas tecnoloxías, sobre todo a través da Internet. Na pandemia, que coincidiu co Día das Letras Galegas de Ricardo Carvalho Calero, comprobamos unha cousa: a través das tecnoloxías da comunicación tiñamos moitísima máis audiencia que cos actos só presenciais que se desenvolvían ata ese momento. Porque de repente conectas a través do streaming con Madrid, Barcelona ou Nova York, con todas as universidades, que hai máis de corenta no mundo, que teñen estudos de lingua galega, e multiplicas a capacidade de comunicación dun xeito moi importante.

As tecnoloxías tamén favorecen a implicación da xente, non?

É que podes chegar a moitos sectores da sociedade, por exemplo á xente nova, á que lle damos a oportunidade de ter espazos para a creación, con proxectos como Novas voces para a lingua, co que apoiamos a creación da mocidade, ou a Primavera das letras, que é un intento de chegar ao público máis difícil, que son os nenos pequeniños. Nestes casos o traballo non é tanto de conservación como de dinamización de sectores para que se incorporen ou polo menos se interesen polo que a Academia representa, que é a lingua e a cultura. Nese aspecto estamos contentos, si, pero sempre queremos máis. Por dar un dato: o Dicionario da Academia ten nestes momentos entre 120.000 e 130.000 visitas diarias. Todo o traballo faise desde dentro, entre os membros da Academia, que non cobran nada, e un equipo de técnicos valiosísimo, que son os que sosteñen o edificio.

Víctor Fernández Freixanes en la terraza de la redacción de El Correo Gallego

Víctor Fernández Freixanes, na terraza da redacción de El Correo Gallego / Jesús Prieto

Falaba do dicionario, que é a xoia da coroa, pero busquei cibercarracho, que foi elixida palabra do ano 2023, e non está. Por que?

Non. E algunha outra tampouco está. A palabra do ano non ten por que ser do dicionario, normativa. É unha iniciativa lúdica e participativa que interpela á sociedade para que a sociedade cree. A lingua tamén é un compoñente creativo. Vou poñer un exemplo: virandelo. No dicionario non aparece pero refírese a eses muíños que nos compraban os nosos avós nas feiras e corriamos con eles na man. Chamabámoslles rodopíos ou virandelos. Hai un tempo pasamos por Carnota onda os aeroxeradores, que é a palabra que aparece no diccionario, e facían ruído. “Temos esto cheo de virandelos”, díxonos unha muller que tiña unha tenda alí. É dicir, a xente é capaz de crear a partir do seu idioma, do que se chama o espírito da lingua. E cibercarracho apareceu como unha especie de xogo na televisión e tivo unha aceptación enorme. Nós non reprimimos a ninguén, o que fixemos foi explicar como a través do humor a xente podía crear palabras. Pero iso non quere dicir que vaia entrar no dicionario.

Pero precisamente é unha das eivas, das cousas que a xente da rúa lle reprocha ao dicionario…

Tamén llo reprocho eu. A entrada dun novo termo é o resultado de debates, de información, o mesmo que pasa coa toponimia. Hai palabras, por exemplo, suaugar (nadar por debaixo da auga) que non está no dicionario. Estará. As palabras temos que ir incorporándoas pouco a pouco porque son resultado dun estudo importante. E logo hai unha cosa que tamén nos condiciona e é a demanda grande que as novas tecnoloxías están facendo sobre a lingua. Temos que ser quen de dar conta de todo o que é o léxico informático. O Servizo de Terminoloxía Galega (Termigal) reúnese para iso periodicamente. Pero non todas as palabras que se propoñen para cuestións técnicas dende Termigal se soben ao dicionario, porque se concibe non como un dicionario total de idioma, que podía selo, senón un dicionario de uso.

Por que non o é?

Eu ás veces teño esa discusión, ou esa ilusión, de que toda a riqueza da lingua, incluídas as súas variantes dialectais, poidan estar no dicionario. Pero un dicionario de uso é aquel que tamén orienta a terminoloxía máis común para as necesidades e demandas que hai na sociedade. É un debate que está en todos os dicionarios deste tipo no mundo. Eu, por exemplo, que fun o responsable do que chamamos o Gran Dicionario Xerais, dicíalle aos directores: “Quero un dicionario onde estean todas as variantes que ten o idioma e que poidan aparecer en Otero Pedrayo, en Neira Vilas, en Valentín Lamas Carvajal...”. É dicir, esa lingua que está aí, e tamén algunha variante está medio dormida. Por exemplo afouteza, que estaba practicamente agochada, foi elixida palabra do ano en 2017 por unha campaña do Celta e rapidamente moita xente fíxoa propia e agora fala de afouto, afouteza, polo menos a xente que utiliza a lingua dun xeito natural. O tema do léxico é complexo..

Xera moitas discusións?

Naquelas cuestións nas que teñamos dúbidas, sobre todo de carácter técnico, sempre que podemos, imos ao portugués. Acceder ao portugués como apoio, esa é unha filosofía que nós compartimos. Pero sen forzar a lingua. Nós non podemos dicir que imos facer unha omelete francesa. Diremos tortilla. Nin podemos falar de que hai unha greve, hai unha folga. Todas as linguas teñen préstamos de linguas estranxeiras e algunhas callan e outras non. A algunhas hai que deixarlles tempo para que pousen. E a filosofía de deixar que as palabras pousen nós tamén a seguimos. É certo que podemos avanzar máis aceleradamente, pera vai estar en función da demanda da sociedade.

Falta un ano para rematar o seu tempo como presidente. Cre que Galicia e a RAG están preparadas para que haxa unha presidenta?

De feito, esta vez non foi posible porque ela non quixo. Non quixo porque tiña outras obrigas e nese momento non lle cadraba, pero hai mulleres na Academia absolutamente preparadas e que ademais darían magníficas presidentas. Verémolo.

“Hai mulleres na RAG moi preparadas e que darían magníficas presidentas”

O presidente da RAG, Víctor Fernández Freixanes / Jesús Prieto

Vai vostede apoiar algunha cando remate o seu mandato?

O importante é que elas se decidan a dar ese paso. Ser presidente ou presidenta dunha institución como a Academia obriga a moito traballo, moitas horas de dedicación, unha certa habilidade para mover fichas e temperar gaitas. Eu creo que temos mulleres capacitadísimas para asumir a presidencia. De feito, desde que eu son presidente na primeira executiva había 3 homes e 2 mulleres. Agora son 2 homes, Henrique Monteagudo e mais eu, 3 mulleres: Fina Casalderrey, Margarita Ledo e Marilar Aleixandre.

Cando cree que se chegará á paridade dos membros do pleno?

Pois non o sei, os membros do pleno son vitalicios e eu non estou disposto a matar ningún para que entren mulleres. Pero dende novembro de 2013 houbo 9 ingresos de membros do pleno, dos cales 7 foron mulleres e só 2 homes. Cos últimos ingresos, a RAG ten 3 académicas de honra e 2 académicos de honra. Cos nomeamentos de membros correspondentes dos últimos anos incorporáronse tamén sobre todo mulleres.

Que balance fai vostede do seu mandato?

Do meu mandato, gustaríame que alguén dende fóra faga o balance, porque dende dentro estás tan metido.... que non es capaz de ver as cousas que se fixeron e as que non. Creo sinceramente que se fixeron moitas cousas, ademais da obra de rehabilitación da sede na que estamos metidos, que ocupa moitísimo tempo. Se tivese agora que centrar as que foron as miñas preocupacións, primeiro diría estabilizar a institución. Unha cultura, unha sociedade, unha nación, necesita institucións cribles, sólidas, estables, respectables e respectadas. Iso para min foi un traballo moi importante que significa ter unha dinámica e unha presenza na sociedade activa, que se vexa a institución como algo próximo (cercano), non como unha especie de sanedrín que está aí arriba, fóra do mundo, senón como algo dinámico. Iso leva moito tempo. E logo está o traballo de harmonización interna dos equipos para sacar das persoas o mellor de cada un de nós.

E o labor de entrar de cheo nas novas tecnoloxías, digo eu.

Foi unha dimensión onde me sentín moi apoiado, a de aproveitar as estratexias novas da comunicación para chegar á xente. Agora mesmo estamos con proxectos que a min me gustaría deixar rematados este ano. Un é o portal de Marcial del Adalid, un dos grandes pioneiros da música galega do século XIX e un descoñecido para a maior parte da xente. Agora entras na web da Academia, ves a súa sección e non só entras na súa biografía, senón que ves todas as partituras dixitalizadas. O proceso de dixitalización, que xa empezou Xosé Ramón Barreiro Fernández, hai que dicilo, na nosa etapa potenciouse moito acolléndonos a concursos, etc. De tal maneira que hoxe, a través directamente da web da Academia ou de Galiciana, hai un acceso ao fondo patrimonial e documental da RAG como non había antes.

Agora está todo a golpe dun clic.

Si. Antes había que ir á sede da RAG e agora todo é máis áxil. E iso foi un traballo importante. Despois está a actualización da web, que segue medrando. Imos dotar a todos os seminarios de espazos propios e poremos en marcha o Museo Virtual, porque a Academia ten un patrimonio museístico enorme e non ten espazo para exhibilo. O que queremos é facelo visual a través de fichas técnicas, para que a xente, e sobre todo o mundo da escola, poida acceder a iso dun xeito natural e poida ver, por exemplo, a obra de Luís Seoane que conservamos. Todo iso, cos medios que temos, leva moito tempo e moita dedicación. A min gustaríame, cando cerre o ciclo, poder deixar encarreirado o facho do relevo para que a xente que veña detrás poida continualo. Eu seguirei, pero xa en ámbitos mais pousados..

Porque Víctor Freixanes, desde que é presidente da RAG, tivo que deixar moitas cousas a un lado…

Eu de maior quería ser escritor e iso quedou un pouco aparcado (di con retranca). Pero xa me pasou antes cando entrei no mundo das industrias da cultura e da edición. É certo. E ademais hai un momento en que perdes o punto. Porque estás tan ocupado que se me poño a escribir algo (acaba de pubicar un conto breve na editorial Elvira) éntrame mala conciencia, porque teño pendente un ensaio sobre Fernández del Riego... ou un texto sobre o Camiño de Santiago... ou, simplemente, memorias para conseguir recursos económicos para a Academia.

Un labor moi traballoso…

Moi traballoso e ingrato, porque parece que estás pedindo para ti e estás pedindo para unha institución que alimenta a todos os galegos. Eu dígolles aos responsables políticos: este dicionario dálle un servizo gratuíto á sociedade. A sociedade demándao, de aí as 120.000 consultas diarias. Todo iso pode facerse se hai recursos económicos. Ese é o traballo do presidente e do equipo executivo.

E despois vai seguir escribindo, xa sen esas obrigas tan importantes?

Espero que si, se non me esquecín. Pero tamén me gusta tocar o piano e ver xogar ao Celta… Eu son xornalista, doutor en Filoloxía, fun catedrático de ensino medio e profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, pero fundamentalmente son xornalista e editor, e a miña contribución á Academia foi a comunicación porque é a clave das sociedades contemporáneas. Se non hai comunicación as cousas non se coñecen e non existen. Todo o traballo que fixemos durante estes anos foi centrarse na capacidade de que a institución estea viva na sociedade. E iso é comunicación, comunicación, comunicación. Comunicación e acción social.

Fala da importancia da comunicación, e, ás veces, na RAG maniféstase de xeito lúdico, como o Ximnasio Léxico.

Si. É o intento de crear un xogo, un gran xogo participativo fundamentalmente orientado cara ao uso escolar e do público xeral. É unha aplicación de xogos para dispositivos móbiles baseada no Dicionario en liña da RAG, unha iniciativa desenvolvida en colaboración coa Fundación Barrié, coa que a Academia comparte tamén o Portal das Palabras, a web para a difusión do noso léxico de xeito lúdico. Porque nós sentímonos obrigados a dar ferramentas que poidan axudar a penetrar na lingua dun xeito amigable, dun xeito divertido. O Ximnasio Léxico forma parte desa intención de levar a Academia e a riqueza patrimonial da Academia, neste caso a lingua, á sociedade

É que a sociedade cambiou de hábitos.

Ese cambio social que se produciu veu dado moi fundamentalmente pola aparición das novas tecnoloxías, das formas de consumo, de consumo lúdico e rápido. Agora queren apoiar as matemáticas e a lingua tras o informe PISA. Por que eses resultados? Porque as matemáticas e a lingua esixen un nivel de atención e concentración mental que a xente perdeu, así como referentes culturais. Non se pretende agora que nos poñamos a saber a lista dos reis godos, pero hai un problema serio. De feito, notámolo nos periódicos. Se lles pregunto aos meus alumnos como se informan, din que nas redes sociais. Pero hai que estar nelas, e a Academia está nas redes sociais, en X, Facebook e Instagram, e non podemos mirar para outro lado. Ten que ver con esa visión da comunicación..

Que é Lingua Guapa?

A curtametraxe A orixe da nosa lingua guapa está dentro desa filosofía. Foi unha idea que propuxo Fina Casalderrey, que é a académica responsable do proxecto da RAG para o público infantil, Primavera das Letras (primaveradasletras.gal). É un exemplo destacado das iniciativas vencelladas á xente nova, e sobre todo á xente máis nova, que estamos a desenvolver. Lingua Guapa e Primavera das Letras diríxense ao mundo da escola, que Fina tan be coñece como profesora e como escritora. A película, protagonizada por alumnado do CPI Santa Lucía de Moraña, leva o nome dun libro-disco precioso dela, e é unha mostra dese intento de levar a cabo iniciativas para a infancia e a mocidade con novos xeitos de contar as cousas.

No 2024, a homenaxeada no Día das Letras é Luísa Villalta. Custou moito decidilo? Porque houbo anos en que foi difícil chegar a acordo.

Hai unha norma que di que teñen que pasar dez anos dende a morte da persoa á que se lle vai dedicar o 17 de maio, e cando menos tres académicos teñen que propoñela para que se debata. Tamén intentamos que haxa un certo corpus social, porque cada ano poden chegar 15 ou 20 propostas á RAG. A primeira figura homenaxeada foi Rosalía de Castro, despois Castelao, foi unha aposta moi arriscada por parte da Academia porque estabamos en pleno franquismo. Ao principio non había dúbidas, pero vas percorrendo o camiño e agora a oferta é enorme. Na miña opinión, hai que alternar entre as personalidades máis próximas no tempo e a memoria histórica.

Freixanes durante a entrevista que concedeu a El Correo Gallego

Freixanes durante a entrevista que concedeu a El Correo Gallego / Jesús Prieto

Luísa Villalta de feito é das próximas.

Si, como Xela Arias e Lois Pereiro, que foron moi ben acollidos porque a xente sentía esa proximidade. Luísa Villalta é unha autora esixente, de moito nivel e dunha gran variedade e riqueza creativa. Moita xente ten a idea dela só como poeta. O Día das Letras 2024 vai permitir que se coñeza mellor toda a súa obra, que abrangue tamén dende o teatro ata o ensaio. Xa están en marcha moitas iniciativas, tanto de tipo editorial como teatral, e dende a Academia imos contribuír á divulgación da súa figura e da súa obra, entre outros recursos, cunha serie documental web que agardamos estrear no mes de marzo.

Hai algunha proposta que non saiu adiante, pero que tería que saír algún ano?

Claro. O ano pasado houbo unha proposta bonita que quedou fóra, a do cancioneiro popular galego. É un patrimonio que a sociedade interiorizou, que se transmite de avós a netos, de pais a fillos e fillas, e de aí tamén veñen, por exemplo, as Tanxugueiras. Cando eu era neno non había televisión e a xente cantaba despois de comer, e cantaba en galego. A lingua estaba aí moi viva. Tamén na música das tabernas, que se perdera pero que agora se está a recuperar. Para min outro candidato é Chano Piñeiro. Cando deixe de ser presidente e me fagan un pouco máis de caso, defenderei a súa candidatura. Con Sempre Xonxa e Mamasunción creou dende o galego, pero nunha nova forma de comunicación que é o cinema.

“Queremos unha institución que ten máis de cen anos de historia, pero que está, actúa e fala para o século XXI”

A sede da Real Academia Galega está en fase de renovación integral. Como van as obras?

Nós calculamos que, no ano 2025, arredor do verán, poidamos estar xa de volta na rúa Tabernas prestando o servizo habitual. Precisaremos algo máis de tempo para reabrir a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán debido á natureza deste espazo, volver instalar todo o seu patrimonio pensando no público require un coidado especial.

En que consiste a renovación? Porque falamos dun edificio histórico...

O proxecto foi o resultado dun concurso público que convocou o Ministerio de Fomento tras realizaren os técnicos que enviaron dende Madrid un estudo moi completo da situación de todo o edificio. Nós queriamos facer unhas pequenas reformas para amañar problemas de filtracións de auga, de fontanería, da caldeira... Pero a sorpresa foi que a conclusión dos técnicos era unha emenda á totalidade: o edificio tiña problemas de estrutura, de sobrecarga, incluso hai un informe onde se fala de perigo de derrubamentos parciais. Ante unha situación dese tipo, a presidencia da RAG non podía mirar para o outro lado. A obra consiste, polo tanto, nunha rehabilitación integral e foi licitada por Fomento por 2.585.000 euros.

Dende a RAG, que se lle pediu ao arquitecto?

O concurso gañouno Gonzalo Moure, un arquitecto natural de Tui, aínda que a súa vida está fóra de Galicia. É un profesional moi ben considerado que asumiu proxectos relevantes, como o da nova sede do Colexio de Arquitectos de España. Faille moita ilusión esta obra, que é a súa primeira en Galicia. Nós estamos moi contentos con el. O que lle dixemos dende o principio é que cómpre ter en conta que a RAG é unha institución que ten máis de cen anos de historia pero que está, actúa e fala para o século XXI. A lingua galega ten centos e centos de anos detrás, pero é unha lingua do século XXI, e non é unha lingua local, é unha lingua que está aberta ao mundo, que se relaciona a través da lusofonía con outras moitas linguas. Iso ten que notarse no deseño, ten que notarse no edificio. Cando a xente entra na Academia non entra nun museo, aínda que ás veces teña aspectos patrimoniais de carácter museístico. Entra nun espazo de traballo, de proxectos de futuro e dinámico. A verdade é que os primeiros resultados son moi ilusionantes.