Galicia, lixeiramente por debaixo da media española en lectura

Académicos e escritores galegos consideran que "hai moito que facer" pero non son datos negativos

As mulleres len máis que os homes

Un terzo da poboación española non o fai nunca

A lectura en menores segue a ser moi maioritaria

A lectura en menores segue a ser moi maioritaria / PEXELS

Galicia mantén máis ou menos estables os seus niveis de lectura con relación ao ano anterior. Así se pode deducir do Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros en España 2023, que se presentou onte na Biblioteca Nacional de España. En concreto, a nosa comunidade atópase lixeiramente por debaixo da media de lectura nacional, que é do 64,1%, entre a media e o 60%, xunto con otras comunidades como Asturias, Comunidade Valenciana, Baleares, Cantabria e Casátela e León. Só seis están por riba da media: Madrid (73,5%), Cataluña (68,2%), Navarra (68,1%), País Vasco (67,8%) La Rioja (66,6%) e Aragón (64,3%). E por debaixo están Murcia, Andalucía, Castela- A Mancha, Canarias e Extremadura. Esta última sería a comunidade española con menor porcentaxe de lectores.

A nivel nacional os índices de lectura mantéñense estables, pero un terzo da poboación non le nunca. E é que “hay más de un tozudo tercio de españoles que jamás abre un libro, el mismo que jamás entra en una biblioteca o visita un museo”, recalcou o presidente da Federación de Gremios de Editores de España (FGEE), Daniel Fernández, que destacou que esta desigualdade lectora acaba provocando diferenzas sociais. Tamén asegurou que a sociedade española “ten un problema na educación secundaria”, cando se tende a deixar a lectura pola irrupción dos teléfonos móbiles.

O académico, profesor e crítico literario Darío Villanueva, non considera un dato estraño que haxa un terzo de españois que non len. “Coa experiencia doutras estadísticas nosas de anos anteriores, teño que dicir que si é certo que só un terzo non le nunca, o dato non me parece tan negativo”, di. A nivel galego, o académico tampouco observa datos malos: “Considero que todo o que sexa por riba do 50% de lectores habituais en calquera país é un dato aceptable porque hai que ter en conta que hai moitos elementos que poden distraer aos posibles lectores”, indica. “Ler é unha cuestión de tempo e de encher o tempo de lecer e para iso hoxe en día hai moitos atractivos. É un dato que hai que cruzar coa cantidade de horas adicadas á televisión, ás redes sociais ou internet. O día ten horas limitadas e si un dedica tempo a algo ten que quitarllo a outra cousa”.

“Ler é unha cuestión de tempo e de encher o tempo de lecer e para iso hoxe en día hai moitos atractivos"

As mulleres len máis que os homes. Esta é outra información que reflicte o Barómetro, e que Darío Villanueva explica como “un dato histórico”. “Xa na época medieval, iso si hai que ter en conta que había moi pouca xente alfabetizada, había un compoñente máis intenso de lectoras que de lectoras”. Darío Villanueva lembra que hai un estudo que demostra que o gran desenvolvemento do xénero narrativo no século XIX foi grazas ás lectoras, “que eran a meirande parte do público que sostivo o crecemento de dito xénero literario”.

A poeta Yolanda Castaño considera que en Galicia “aínda hai moito que facer” no que a lectura se refire, pero que non é un dato negativo. “Botando unha ollada xeral ao estado español a miña percepción é que hai comunidades que len menos, e en Galicia ademais hai certa cultura escrita, en sentido xeral”, di. “Hai que celebrar manternos un pouco na liña”, considera.

Yolanda Castaño, un dos máximos expoñentes da poesía galega, quixo aproveitar os datos de lectura en Galicia para animar a ler na nosa lingua. “Non facelo sería como vivir nun país que ten o mellor marisco e dedicarte a comer solo pizza”, di. “Non estamos á vangarda en todos os eidos, pero xusto en poesía si, con certa vangarda e adianto, como punto de lanza da poesía a nivel ibérico. Así que non ler en galego sería como darlle as costas a iso e alimentarse de subprodutos. Sería unha mágoa non ser consciente do momento que vive a literatura contemporánea en galego”, sentencia.

“Non estamos á vangarda en todos os eidos, pero xusto en poesía si, con certa vangarda e adianto"

Precisamente os datos de venda de libros de poesía en galego na libraría Couceiro de Santiago son moi superiores aos que se venderon en castelán. “Sempre digo que somos un país de poetas”, sinala Pablo Couceiro, encargado da libraría. “Basta con ver os últimos premios a nivel estatal: Yolanda Castaño, Ismael Ramos, Olga Novo...”.

No 2023 a mítica libraría santiaguesa vendeu algo máis de 30.000 exemplares. Uns datos inferiores aos de 2022 e que achacan á suba da alimentación, dos alquileres e hipotecas. "Os “Os soldos non subiron igual e hai que controlarse en certas cousas. Comer e durmir é imprescindible, o resto non”.

A narrativa foi o xénero literario que máis venderon, tanto en galego como en castelán. O noso idioma dominou as vendas neste xénero, posto que se trata dunha libraría que divulga a cultura de Galicia.

A directora de Hércules de Ediciones, Laura Rodríguez, lamentou que Galicia se atope por debaixo da media españala en lectura. Non obstante quixo lembrar que os índices sempre caen moito a partir dos 65 anos. “Aunque es verdad que en los últimos años la tendencia ha cambiado, hay que pensar que Galicia cuenta con una población muy envejecida”, sinala.

Dende o ámbito escolar adóitanse facer moitas actividades que incentivan a lectura desde a Educación Infantil, promovidas algunhas pola Xunta de Galicia. A xefa de estudos do IES Pedro Floriani (Redondela) Conxita López, explica que eles teñen na biblioteca un proxecto que cada ano se adica a un tema concreto, e a raíz diso fanse todo tipo de actividades. “Este ano é o deporte, e seguramente agora polo Entroido nos disfrazaremos de persoeiros do ámbito deportivo, por exemplo”. Tamén teñen unha hora de lectura libre á semana en todos os cursos. “O ano pasado ademais no centro contamos cun club de lectura sobre manga, adicado aos nenos de 1º e 2º da ESO. Un luns ao mes quedaban no intervalo entre clases traballando este xénero”, conta.

Conxita López observa, iso si, unha perda de interese pola lectura segundo van crecendo. “En primaria len moito porque lles fai moita ilución demostrarlles aos adultos que saben ler”, di. De feito o Barómetro indica que a lectura en menores segue a ser moi maioritaria. “Cando empezan a adolescencia isto cambia porque se che impoñen o que ler, xa non apetece”, conta. “Iso si, pasan todo o día con pantallas, así que en realidade non lerán literatura ou divulgación, pero pasan o día lendo. De feito os adolescentes non chaman por teléfono, wasapean”, lembra.

Galicia xa pode ler online de forma gratuíta

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración con Amtega e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte puxo en marcha unha plataforma para o préstamo de libros electrónicos e material audiovisual para todas as idades e lectores. Chámase GaliciaLe e pon a disposición en calquera biblioteca pública galega contidos de viaxe, ficción, historia, informática, cociña, biografías... E en múltiples formatos: desde audiolibros, libros electrónicos e interactivos ata álbumes ilustrados. Ademais, a oferta inclúe documentais, películas de animación e longametraxes de ficción.. Para acceder só fai falla ter o carné dunha das bibliotecas da Rede de Bibliotecas de Galicia.