Vimianzo sinaliza e equipa con códigos QR sete dos puntos e elementos clave do seu patrimonio

Nova sinalización informativa do Muíño da Agra, en Vimianzo

Nova sinalización informativa do Muíño da Agra, en Vimianzo / C.V.

O Concello de Vimianzo rematou a instalación dos novos indicadores que sinalizan e poñen en valor os puntos clave do seu patrimonio. Este mércores quedou finalizada esta intervención, onde figuran os datos actualizados dos principais enclaves, así como os seus respectivos códigos QR, para que as persoas usuarias poidan consultar con maior detalle toda a información sobre cada elemento no enderezo web correspondente.

En total son sete os puntos clave sinalizados, entre eles o Pazo de Trasariz, o Castelo de Vimianzo, o Muíño da Agra e o paseo fluvial, xunto con outros lugares senlleiros, que tamén se ven así favorecidos por esta medida, que vén a substituír os antigos elementos, en estado de completo deterioro.

A concelleira de Patrimonio, Rosa Blanco, sinala a “relevancia” desta actuación porque “non supón só unha mellora estética; é unha carta de presentación dos nosos lugares máis significativos, que agora contan con información actualizada e acceso á rede para ampliar a mesma”.