DÍA DO LIBRO

Dous de cada tres mozos da provincia coruñesa gozaron do Bono Cultural de 400 euros o pasado ano

María Rivas anunciou en Fisterra que nuns meses ofertaranse os de 2024

Animou a solicitar as axudas para fortalecer a industria editorial

Pepe Formoso, esquerda, María Rivas, Modesto Fraga e Áurea Domínguez no Bela Fisterra

Pepe Formoso, esquerda, María Rivas, Modesto Fraga e Áurea Domínguez no Bela Fisterra / S. G.

J. M. Ramos

O pasado ano dous de cada tres mozos e mozas da provincia da Coruña que cumpriron os 18 anos en 2023 beneficiáronse dos 400 euros do Bono Cultural Xove do Ministerio de Cultura, segundo confirmou a subdelegada do Goberno, María Rivas, durante a súa visita a Fisterra coincidindo co Día do Libro.

Fixo ademais un chamamento ás entidades sen ánimo de lucro a concorrer ás axudas para fortalecer a industria editorial, que vén de convocar o Ministerio de Cultura e que se poden solicitar ata o 14 de maio. A este respecto, María Rivas sinalou que as industrias e o comercio culturais de Galicia ingresaron 1,9 millóns de euros na primeira edición do Bono Cultural Xove (2022), dos que 817.917 euros corresponderon á provincia da Coruña, que contou con 90 entidades adheridas.

Anunciou ademais que o bono de 2024 estará dispoñible nos vindeiros meses para os mozos e mozas que cumpran os 18 anos. Nas edicións previas, a iniciativa dividiuse en tres capítulos para promover o acceso a diversas expresións culturais. En concreto, dos 400 euros, a metade eran para gastos en artes vivas, patrimonio cultural e audiovisuais; 100 € para produtos culturais en soporte físico, como libros, revistas, prensa, videoxogos ou discos; e outros 100 para consumos dixitais, como subscricións a plataformas de música, audiolibros, prensa dixital, videoxogos online ou descarga de pódcasts, entre outros.

A subdelegada do Goberno animou a solicitar estas axudas desde o Bela Fisterra, un hotel que dedica as súas habitacións a obras da literatura universal e escritores e escritoras consagrados. Subliñou ademais que foi “o primeiro da zona en acadar o galardón de establecemento ecosostible”, e lembrou que nos últimos tres anos Galicia logrou cinco premios nacionais de literatura: Xesús Fraga (2021) e Marilar Aleixandre (2022) na categoría de narrativa; Ismael Ramos, Premio Nacional de Poesía Xoven Miguel Hernández (2022); Paula Carballeira, en literatura dramática (2023) e Yolanda Castaño, en poesía (2023), “o que sen dúbida amosa a gran calidade da creación literaria das nosas autoras e autores”, afirmou Rivas.

Precisamente, Marilar Aleixandre, gañadora do Premio Nacional de Narrativa no 2022, será a protagonista dun acto de homenaxe por parte do Hotel Bela Fisterra, que dedicará á súa obra a habitación Marea Viva, a única das dezaseis do establecemento que varía a súa temática e que se dedica a unha estrela literaria contemporánea que, logo de aloxarse nese cuarto, crea e agasalla coa súa obra ao hotel para dotar de contido ese espazo. Un acto ao que a subdelegada do Goberno confirmou xa a súa asistencia.

TEMAS