Ames reconfigura as subvencións, despide a Santomil e axudará tamén a inscribir galiñeiros

O exvoceiro do Bloque Nacionalista Galego será relevado por Escarlata Pampín

Haberá axudas para plantar caducifolias, Ames Lab-AV e decoración polo Samaín

Despedida a David Santomil no pleno ordinario celebrado en Ames

Despedida a David Santomil no pleno ordinario celebrado en Ames / Concello

O pleno celebrado en Ames despediu ao exconcelleiro e exvoceiro xa do BNG, David Santomil, que cede o posto a Escarlata Pampín. Ademais, saiu adiante a moción do PP (co apoio do BNG e Espazo Común) para que o Concello informe e axude na regularización de galiñeiros, e deuse luz verde á terceira modificación do plan estratéxico de subvencións do Concello de Ames para engadir liñas e reconfigurar outras vixentes.

Cambios nos importes

Así, vaise minorar a subvención destinada a Protección Civil de Ames, que pasará a ser de 7.000 euros ao ano, e resérvanse 13.000 € para plantación de caducifolias nas franxas secundarias. Incrementarase en 60.000 euros o importe das axudas de emerxencia social e renda social (pasan de 100.000 a 160.000 euros) e regularízanse as destinadas as ANPA orzamentados para 2024 (serán 20.000 € por ano). 

As asociacións culturais e festivas terán 24.000 € para dinamización cultural; haberá dotacións para deportistas individuais por 10.000 €; premios de promoción económica por 5.000 euros (Canta e Baila con Ames); decoración de escaparates de Samaín, 2.000 €; e a aceleración de proxectos audiovisuais (Ames AV-LAB) contará con 70.000 €.