POLÍTICA

O goberno fisterrán cualifica de “irregular” o contrato do arquitecto local dende 2018

Avogan por unha modificación da Relación de Postos de Traballo

A alcaldesa cos dous concelleiros de Alternativa dos Veciños de Fisterra

A alcaldesa cos dous concelleiros de Alternativa dos Veciños de Fisterra / Cedida

J. M. Ramos

Alternativa dos Veciños, a agrupación que conforma o goberno en minoría de Fisterra, asegura que porá fin á “situación irregular” do Servizo Municipal de Urbanismo dende o ano 2018, “cando se contrataron os servizos externos dun arquitecto mediante procedemento ilegal”, afirma o responsable local e asesor de AV na Deputación, Juan Francisco Martínez.

Para regularizar a situación avogan por unha modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT), “e así as funcións de arquitectura e urbanismo pasarán a ser desempeñadas por persoal propio, funcionario de carreira, suxeito a un horario semanal de 37,5 horas”. Para iso, engaden, “débese declarar a nulidade do contrato”.