OBRAS

O Plan Único repartirá entre os concellos da comarca de Fisterra máis de 3,3 millóns

Distribuiranse entre Corcubión, Cee, Fisterra, Muxía e Dumbría

O alcalde de Corcubión, terceiro esquerda, cos deputados provinciales e concelleiros locais

O alcalde de Corcubión, terceiro esquerda, cos deputados provinciales e concelleiros locais / Deputación Coruña

J. M. Ramos

O Plan Único da Deputación prevé investir 3.326.509 € na comarca de Fisterra, segundo confirmaron a deputada de Plans provinciais, Cristina García, e o deputado de Patrimonio, Xosé L. Penas, durante a súa visita a Corcubión, onde se reuniron co alcalde, Xabier Domínguez, e membros da Corporación municipal.

Un investimento que se repartirá entre os concellos de Corcubión, Muxía, Dumbría, Fisterra e Cee, e que inclúe o importe da fase inicial, que alcanzou os 1.681.197,34 € e o adicional, cuxas partidas foron aprobadas o pasado venres no pleno da Deputación, que suma 1.645.311,97 €.

A deputada presentou tamén os datos do Concello de Corcubión, que chega aos 251.260,59 euros, cos que poderá financiar actuacións de rehabilitación do casco histórico, entre outras, que se suman a algunhas xa executadas como a reurbanización da avenida da Viña. “En casos coma este de Corcubión é nos que o Plan Único cobra todo o seu sentido”, salientou Cristina García. “Esta ferramenta está pensada para que os veciños de concellos pequenos poidan ter mellores servizos, e unha mellor calidade de vida”, concluíu.