Cada mércores, o programa Traes unha cantiga? (TVG, 22.00 horas) percorre as tabernas galegas na procura de cantigas, co obxectivo de poñer en valor o xénero máis popular da nosa tradición musical: os cantos de taberna. Un programa no que, esta noite, o cantor e bailador Xisco Feijóo participa como padriño e xurado.

Faltaban os cantos de taberna na TVG?

Tanto como faltar non, pero para min non tiñan a presencia que deberían ter pola importancia que tiveron nalgún tempo. Dicir que algo falta na TVG existindo o Luar sería moi atrevido, sempre apostaron pola cultura tradicional, e nunca alí deixaron de estar os cantos de taberna. Si é certo que si un fala da TVG en conxunto, claro que faltaron, pero é unha agradable sorpresa ver que a TVG aposte por algo tan popular e tan participativo como é Traes unha cantiga?.

Que é o que máis destacaría de Traes unha cantiga?

É un programa que implica á xente. Cero que é un dos poucos programas que a xente non é consciente que están as cámaras gravando. Unha presentadora marabillosa, un ambiente excepcional e un xeito de produción que fai que o publico se sinta totalmente protagonista.

Como te sentiches na gravación?

Sentinme en familia, con Noelia, co director, e con ese xuradísimo: Sheila Patricia e Alfredo Dourado, entre os tres preparamos unha cantiga fermosísima. Todo o desenvolvemento do programa foi en conexión absoluta, tanto cos grupos participantes como co público.

Os grupos participantes sorprendéronte?

Sobre todo polas diferencias de interpretacións que teñen as cantigas populares e os cantos de taberna, e porque os grupos participantes utilizaron todas as súas armas para poder competir, pero tamén para gozar, pasalo ben. A nosa música é irmandade, felicidade, a veciñanza onde todos somos felices. E creo que este programa conségueo xa de véspera.

Cal é a túa relación cos cantos de taberna?

Eu era veciño do barrio do Calvario de Vigo e cando tiña entre os cinco e os oito anos, moi pretiño, en San Xoán do Monte, na taberna O Pozo xuntábanse homes, se cadra de oitenta anos, non esaxero, cantando vinte persoas. Tamén a relación cos cantos de taberna venme do meu pai, que era un cantador que xa quixera eu a súa voz para un día de festa.

Pensas que Traes unha cantiga? reflicte ben o que son os cantos de taberna?

Creo que reflicte ben o sentimento, o fondo. É certo que os cantos de taberna que coñecín cando era neno eran distintos aos de hoxe, pero si parecidos no sentimento e no fondo. Era raro que foran acompañados de tanta instrumentación, pero xa nas fotografías dos anos 60 ou 70 vese como había algunhas persoas con instrumentos variados. Os cantos de taberna son inclusivos para todas as persoas que queren participar neles. Por iso son tan populares e tan necesarios, polo seu espírito de irmandade.

Sendo ti un renovador da tradición musical galega, tes unhas raíces profundas nesa tradición. Que che dá esa tradición?

A tradición é renovación continua. Nos anos 80 e 90 fomos recollendo cousas que para nós eran do máis antigo, case medieval, e tamén cousas que eran aprendidas directamente dunha radio. A tradición sempre foi absoluta innovación, e eu aprendín diso, e á par que ser director do Fiadeiro vestindo traxe tradicional e sendo o máis fiel posible a tradición, á semana seguinte cantaba con Budiño cunha camisa de gasa ensinado os músculos, facendo practicamente de gogó, pero porque iso mesmo é a tradición.

Nalgún dos grupos que imos ver no programa de hoxe hai membros moi novos. Que te suxire isto?

Que haxa membros novos nos grupos é un síntoma de saúde e futuro. A esperanza de que isto vai poder ser continuado. A nosa música sempre foi interxeneracional. Nos seráns as mulleres que tocaban as pandeiretas podían ser tanto de cincuenta anos como rapaciñas de doce, e os que estaban alí eran de todas as idades, incluídos os nenos, e iso fai da nosa música integradora, con diversidade e igualdade.

Que sensacións cres que transmitirá o programa de hoxe aos espectadores?

Como broma absoluta, aconsello aos espectadores que vaian ver o programa que non tomen medicación para as depresións, que isto vai ser a mellor das medicacións. É unha broma, os tratamentos non se poden suspender, pero que saiban que van ter un plus que lles vai animar moito a alma, merece a pena de verdade, mirádeo e gozade dun espectáculo e dun programa onde só ides ver unha preciosísima música e unha grandísima irmandade.