María do Ceo é a voz galega do fado, a fadista elegante que creou o fado miñoto, e coa súa voz une as dúas terras a cada beira do Miño. Esta noite (TVG, 22.00 horas) participa no programa Traes una cantiga? como madriña dos grupos que actúan e formará parte do xurado.

Cando che propuxeron participar en Traes unha cantiga? como madriña dos grupos e xurado, que foi o que sentiches?

Foi moi emocionante, eu dende moi nova sempre participei en rondallas, corais, e grupos de amigos que sempre que podiamos procurabamos xuntarnos para cantar. Que me propuxeran participar nun programa que promove os cantos de músicos non profesionais fíxome moita ilusión.

Que che chamou máis a atención dos grupos participantes?

Creo que a boa calidade en xeral de todos, ao fin e ao cabo falamos de xente afeccionada, pero que quere e intenta facelo o mellor posible. Preocúpanse pola calidade da súas interpretacións.

E do programa en si mesmo?

Pois que é unha moi boa iniciativa para dar un pulo de ilusión a todos estes músicos que son felices cantando a música de tradición en calquera lugar, e tamén lles gusta ensinar o froito dos seus ensaios nun programa tan especial e tan ben feito como é Traes unha cantiga?

Como viviches a gravación?

Foi unha tarde moi amena, porque a boa vibración entre os técnicos, a dirección, as produtoras, a presentadora e os membros do xurado permanente fai que te sintas moi ben.

Foi difícil escoller a cantiga que debía pasar á listaxe das máis populares?

Moitas veces é difícil porque todos o fan moi ben, gustaríanos dar a todos por gañadores, pero como só pode pasar un, neste caso foi o que o fixo un pouquichiño mellor.

Temos a idea de que o fado ten moito que ver cos cantos nas tabernas. Que che parece?

Si, claro, ten que ver moitísimo. O fado foi creado nas tabernas dos portos das cidades de Portugal onde chegaban os navegantes e entraban neses locais a beber a comer algo e se cantaba, entre tanto mariñeiro que viña e ía sempre había alguén que soubera tocar algún instrumento como o acordeón, a harmónica, e, por suposto, a guitarra portuguesa, e así naceu o que é o fado. Veu do mar ás tabernas de Portugal.

E hai unha boa relación ou conexión entre a música galega e a portuguesa?

Si, eu penso que unha complementa a outra, se falamos da música popular como é o canto de taberna, existen moitas cancións que non se sabe ben se son galegas ou portuguesas, por exemplo: Alecrín dourado, Meu amor mariñeiro, O sancristán de Coimbra, etcétera.

Cres que na forma de ser dos galegos e galegas a música é moi importante?

A música é importante sempre na vida de calquera, porque alimenta o espírito, e os galegos e galegas somos un pobo moi animado, e facemos festa con calquera motivo. É certo que a música forma parte de nós.

E Traes unha cantiga? Cres que representa ben o espírito musical dos galegos?

Claro que si, representa a música tradicional popular que xa cantaban os nosos avós e que nos deixaron moita tradición, penso que o programa Traes unha cantiga? é un referente da música do pobo que hoxe en día se está a vivir nas xuntanzas cos amigos e coa familia en calquera casa ou taberna.

Pensas que os espectadores van ver ou sentir cousas non esperadas en Traes unha cantiga?

Si, van a ver como se canta a capela, e o ben que moita xente canta e afina, van sentir a boa química que existe entre todos eses grupos de xente que ten o seu traballo e que para desestresarse do seu día a día se pon a cantar, porque a verdade é que cantar, tocar un instrumento é moi satisfactorio tanto para o corpo como para a mente.