Opinión | AL SUR

Estilo Galicia

O pasado sábado tomou posesión Alfonso Rueda Valenzuela como presidente da Xunta de Galicia, elixindo como marco o Parque de Bonaval.

Poucos lugares están tan cargados de simbolismo como San Domingos de Bonaval, o vello mosteiro compostelán situado preto da Porta do Camiño, onde repousan as cinsas dos nosos galegos ilustres. Rosalía de Castro foi a primeira en ser trasladada alí un 25 de maio de 1891, seis anos despois da súa morte, desde o cemiterio de Adina, en Iria Flavia (Padrón). O último dos nosos devanceiros ilustres en recibir sepultura neste sagrado lugar foi Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, un 28 de xuño de 1984, trasladado desde Bos Aires, onde finara no 1950.

Corenta e dous anos despois de que Xerardo Fernández Albor, o primeiro presidente autonómico, tomase posesión cabo do Panteón de Galegos Ilustres, outro presidente autonómico elixía este lugar emblemático, ateigado de fonda significación galeguista, para xurar o seu cargo e comprometerse a ser o primeiro servidor de Galicia.

Todos os detalles e as palabras pronunciadas neste acto estiveron cheas de significación. Visitou primeiro o Panteón, acompañado dos tres presidentes autonómicos vivos que o precederon (Laxe, Touriño e Feijóo) e depositou unhas flores no sartego de Castelao. Chegou despois camiñando ata o Parque de Bonaval, a carón do presidente do Parlamento galego e do Ministro de Transportes, ao son da marcha do antigo Reino de Galicia.

Escintilaba o sol nas follas aínda tenras dos carballos cando o presidente Rueda xurou o cargo e pronunciou un breve discurso ateigado amor a Galicia pois, segundo dixo, non hai outro xeito de ocupar a presidencia da Xunta que amar profundamente á nosa terra. Con humildade, pero con determinación para que a nosa comunidade teña o que lle corresponde e sexa unha terra de oportunidades, acolledora, de concordia. Sen extremismos nin crispación. Unha terra aberta, amable e firme.

Esta é Galicia da que nos falou o presidente Rueda nun estilo novo, propio, que os galegos valoraron amplamente nas pasadas eleccións. Un xeito de facer as cousas ao que chamou estilo Galicia. ¡Sorte nesta nova singradura!