Caión acollerá a exposición ‘Mergulla na historia do mar’ do proxecto Rimartes

A mostra reúne as fotografías gañadoras do I Certame Rimartes de FotoSub en Pecios

Cartel da mostra Rimartes

Cartel da mostra Rimartes

Redacción

O centro sociocomunitario de Caión albergará desde o mércores, día 15, a exposición itinerante ‘Mergulla na historia do mar’ que durante os últimos meses percorreu o litoral noroeste de Galicia para mostrar a riqueza do patrimonio subacuático. Poderase visitar ata o 28 de febreiro, de luns a venres en horario de 17.00 a 20.00 horas.

A mostra reúne as fotografías gañadoras do I Certame Rimartes de FotoSub en Pecios e unha selección de imaxes que recordan, desde terra, o vínculo dos naufraxios con enclaves naturais, construcións civís, áncoras e faros.

Rimartes, riquezas do mar, tesouros do profundo (www.rimartes.com) é o proxecto no que se enmarca a exposición, que é promovido polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Costa Sostible, Golfo Ártabro Sur e Costa da Morte -o Concello da Laracha está asociado a este último-.