A Pobra estreará unha pasarela na Mercé, e Castelao presidirá a renovada rotonda de Té

O alcalde da Pobra, Lois Piñeiro, 2º pola esquerda, escoita a presentación do arquitecto Juan Antonio Millán.

O alcalde da Pobra, Lois Piñeiro, 2º pola esquerda, escoita a presentación do arquitecto Juan Antonio Millán. / Concello de A Pobra

O alcalde da Pobra, Lois Piñeiro, presentou este xoves o proxecto da pasarela peonil de 135 metros que unirá A Mercé coa entrada ao Camiño Real, a carón da estrada comarcal AC-305. A intervención busca mellorar a seguridade e mobilidade peonil no itinerario do Camiño de Santiago do Barbanza A Orixe.

O orzamento é de 131.804 € (93.677 procedentes da Deputación da Coruña e 38.126 do Concello).

A senda permitirá continuar o tránsito peonil tras a subida ao cruceiro da Mercé, evitando así ter que cruzar dúas veces a estrada para circular a pé en condicións de seguridade ata o inicio do Camiño Real.

Pola súa banda, o Concello de Rianxo iniciou a reforma da rotonda de Té, a principal arteria de entrada á vila dende a autovía. O deseño é de Xardinería Saborido e a execución técnica correrá a cargo da empresa Tarrío y Suárez. O orzamento é de 40.000 €. Simbolizará a rosa dos ventos cos catro puntos cardinais sinalizados coas súas iniciais, ás que se engadirán as letras de topónimo Rianxo, de metro e medio de altura, iluminadas e ca tipografía Gallaecia, inspirada en Castelao (persoeiro principal do concello que, á súa vez, terá unha imaxe icónica de case catro metros de altura elaborada en aceiro presidindo a rotonda).