Programa de prevención das condutas aditivas para dous mil rapaces de Ames

Estará centrado no ámbito escolar, e incluirá tamén educación afectivo-sexual e obradoiros de regulación emocional // Participan con papel fundamental os docentes

Presentación onte en Ames do programa para a prevención das conductas aditivas centrado no ámbito escolar. ames

Presentación onte en Ames do programa para a prevención das conductas aditivas centrado no ámbito escolar. ames / REDACCIÓN

ECG

O Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, acolleu onte xoves a presentación do programa de prevención de condutas aditivas no ámbito escolar, de educación afectivo-sexual e de obradoiros de regulación emocional. Dito programa está dirixido a 2.150 rapaces e rapazas que cursan estudos dende cuarto de primaria ata bacharelato nos centros educativos amesáns. Este programa ten tres liñas de actuación que se centran na prevención de condutas aditivas con e sen sustancias; a educación afectivo–sexual; e programas de regulación emocional. Dende o último trimestre do curso 2016/2017 preto de 8.000 rapaces e rapazas participaron neste programa conxuntamente coas súas familias. Tamén participaron máis de 50 docentes dos centros escolares públicos de Ames que son unha parte esencial do programa.

No acto de presentación participaron a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo; a técnica do departamento de Promoción da Saúde; Rosana Martínez; a psicóloga do Centro de Información á Muller, Mónica Antelo; a técnica do departamento municipal de Voluntariado, Soraya Añón; e mailos/as psicólogos/as e responsables do programa Coidados á Mente, Belén Montesa e Juan Carlos Permuy.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, explicou que “hoxe o que queríamos facer era un percorrido polo que foi o programa de prevención de condutas aditivas no ámbito escolar dende que comezou no último trimestre do curso 206-2017 ata este curso actual. Preto de 8.000 rapaces e rapazas participaron neste programa conxuntamente coas súas familias e tamén participaron máis de 50 docentes dos centros escolares públicos de Ames. As intervencións con diferentes grupos constan de varias sesións dependendo da idade e das necesidades que se determinan previamente, cun mínimo de catro e un máximo de oito sesións. Isto permitiunos darlle ao programa unha continuidade e frecuencia durante todos este anos que é fundamental para acompañar ao alumnado en diferentes idades”.

Os psicólogos e responsables do programa Coidados á Mente, Belén Montesa e Juan Carlos Permuy, destacaron que “trátase dun programa que se imparte segundo as necesidades de cada centro educativo en función das necesidades que detectan os docentes ds propios centros. O positivo deste programa é que leva moitos anos impartíndose e isto permítenos ir coñecendo ao alumnado e que o alumnado nos coñeza a nós. Tamén é importante esta bagaxe para ir facendo un traballo que se vai acumulando no tempo que realmente é o que resulta eficaz e non facer intervencións puntuais. É importante esta continuade no tempo porque a comunidade educativa está implicada entón son os propios docentes os que solicitan o programa e expresan situacións especificas que axudan a hora de desenvolver as sesións”. Tamén incidiron en que “este programa permítenos detectar situacións moi concretas porque ao traballar cinco ou seis horas seguidas con distintos grupos, crease un espazo de coidado e de axuda. Todas as persoas que actúan somos psicólogos sanitarios, polo que é persoal especialista en saúde mental, algo que é fundamental á hora de detectar situacións que poden ser preocupantes”.