Cabana axunta sustentabilidade e inclusión para facilitar a recarga rápida dos vehículos eléctricos

Unha das estacións está adaptada para persoas con diversidade funcional // A Laracha e Carballo tamén ofertan electrolineras

Jesús Picallo, esquerda, Adolfo López, Francisco Silva e José Muíño recargando un vehículo. CONCELLO CABANA

Jesús Picallo, esquerda, Adolfo López, Francisco Silva e José Muíño recargando un vehículo. CONCELLO CABANA / REDACCIÓN

Redacción

O Concello de Cabana de Bergantiños segue avanzando no seu plan de mobilidade sustentable coa posta en marcha de puntos municipais de recarga rápida, de 50kW, reforzando ademais a súa aposta polo emprego de enerxías renovables e pola inclusión, ao estar unha destas estacións adaptadas para persoas con diversidade funcional.

Súmase así á lista de concellos qeu apostan por unha mobilidade limpa e respectuosa como o medio ambiente, como é o caso da Laracha e Carballo, que contan tamén con electrolineras de titularidade municipal. Igualmente o Concello de Vimianzo prevé a instalación de catro puntos de recarga mediante unha concesión por un periodo de dez anos.

Esta venres tivo lugar o acto de presentación dos puntos de recarga de Cabana, situados nas inmediacións da casa consistorial, coa presenza do alcalde, José Muíño; o delegado institucional de Iberdrola, Francisco Silva; o presidente da Asociación Íntegro, Adolfo López; e Jesús Picallo, vicepresidente do Clúster de Turismo de Galicia.

En total instaláronse tres puntos no municipio, un nos exteriores da Escola de Vela, cuxa activación está prevista proximamente, e os dous restantes na casa consistorial, xa en funcionamento. Ditas estacións permiten a carga rápida (50kW) simultánea de dous vehículos, a un prezo de 0,25 euros por cada kilovatio por hora, “unha tarifa notablemente máis económica que as ofertadas polas electrolineras comerciais”, afirman dende o Concello.

O alcalde de Cabana, José Muíño, destacou “a aposta por un modelo de transporte cada vez máis sustentable e inclusivo no que primen o respecto pola contorna e a igualdade de condicións”. Francisco Silva resaltou a importancia da cooperación para “impulsar este tipo de iniciativas que nos conducen cara un futuro máis harmonioso coa contorna natural”.

O vicepresidente do Clúster de Turismo de Galicia, Jesús Picallo, salientou “as potencialidades turísticas que ofrecen estes puntos de carga, facendo non só de Cabana, senón do conxunto da Costa da Morte un atractivo para o turismo ecolóxico”.