Tres mil escolares de Ames viven en galego dentro e fóra das aulas durante tres semanas

Alumnado de segundo ciclo de Infantil e Primaria participa nunha singular experiencia de inmersión lingüística promovida pola Real Academia Galega e polo propio Concello

Os estudantes que participan no programa de inmersión lingüística levan unha pulseira coas cores da bandeira galega / real academia galega

Os estudantes que participan no programa de inmersión lingüística levan unha pulseira coas cores da bandeira galega / real academia galega / sol elvira

Modo galego, actívao! é a experiencia de inmersión lingüística que están a vivir desde o luns tres mil escolares de Ames, que desenvolven un proxecto no que se comprometen a utilizar o galego dentro e fóra das aulas durante tres semanas.

Nesa iniciativa, promovida pola Real Academia Galega (RAG) e polo Concello, participa o alumnado de segundo ciclo de Educación Infantil e Primaria dos sete centros educativos do termo municipal.

Aroa estuda 6º de Primaria no CEP de Ventín. Malia seren os seus pais galegofalantes, fala dende moi cativa só castelán. Pero este luns chegou da escola expresándose en galego. “Fíxolle moita ilusión asinar o Acordo de compromiso lingüístico, está tomándoo moi en serio e esforzándose por falar todo o tempo en galego”, dixo o seu pai, Javier Cacheiro, presidente da ANPA do centro.

A súa irmá pequena, Lara, polo momento só o está a empregar na escola, “pero xa é un progreso”, considera. Coma elas, os ao redor de tres mil nenos e nenas que cursan o segundo ciclo de Infantil e Primaria no municipio de Ames están a participar dende esta semana no proxecto de inmersión lingüística creado pola RAG e polo Concello.

A experiencia de inmersión lingüística estase a desenvolver na Escola de Educación Infantil do Milladoiro, as escolas unitarias de Covas e da Igrexa e os colexios de Barouta, A Maía, Ventín e Agro do Muíño. Durará tres semanas e inspírase en 21 días co galego, pero coa particularidade de anticipar a experiencia ás primeiras etapas educativas e implicar, por primeira vez, a todos os colexios dun mesmo concello a un tempo e estenderse ao conxunto de actividades educativas, complementarias e extraescolares de xestión local.

O que se pretende acadar é o compromiso entre o alumnado, o profesorado, o monitorado dos servizos complementarios e outros traballadores e traballadoras dos centros educativos de empregaren o galego durante, polo menos, tres semanas seguidas, buscando tamén a complicidade das familias. E para facilitar o obxectivo, estanse a desenvolver toda unha serie de experiencias que, no caso das destinadas ós nenos e nenas, teñen marcado carácter lúdico.

“Penso que o feito de que o que se lles propoña sexa divertido é fundamental; que non o vexan como os deberes, senón como unha actividade diferente e voluntaria que lles permite ademais acadar un premio”, reflexiona Javier Cacheiro.

Seguramente por ese marcado carácter lúdico, a resposta dos nenos e nenas está a ser “exemplar”, valora Enrique Gil, responsable do equipo de dinamización lingüística do CEP de Ventín. “Fan serios esforzos por falar en galego e autocorrixirse. Cada día teñen que reflexionar sobre a experiencia e autoavaliarse cun semáforo; e avalíanse con moita esixencia. Paréceme unha proposta moi interesante, porque promove a concienciación lingüística e porque se basea en actividades moi novidosas”, valora ó respecto o mestre, que ve ao profesorado como unha parte fundamental do éxito.

Con Modo galego, actívao! a RAG e o Concello de Ames pasan do diagnóstico á acción, xa que dan continuidade ás investigacións do Seminario de Sociolingüística do municipio que deron lugar á publicación A lingua no CEIP Agro do Muíño (2018) e ao Mapa sociolingüístico escolar de Ames (2021), no que se detecta unha perda do 10 % de galegofalantes xa na etapa infantil. Esta porcentaxe medra ata cifras moi preocupantes: na Secundaria só o 11 % é galegofalante e outro 11 % bilingüe, fronte a un 77 % de falantes de castelán, a maioría deles monolingües.