Negreira otorga o premio 8 de Marzo á catedrática e filóloga María López Sández

O auditorio Alfonso Eanes acolleu o acto de entrega á vicedecana e académica da RAG

María López Sández co seu premio / concello de negreira

María López Sández co seu premio / concello de negreira / redacción

Redacción

O auditorio Afonso Eanes do Cotón acolleu onte o acto de entrega do VII Premio 8 de Marzo do Concello de Negreira á escritora, filóloga, catedrática de ensino secundario, vicedecana da Facultade de Ciencias da Educación e académica electa pola Real Academia Galega (RAG), María López Sández. Este galardón, que naceu para recoñecer o traballo e o papel das mulleres vinculadas con Negreira ao longo da historia, e xa está consolidado como o acto central polo Día da Muller, premiou este ano o labor de Sández, quen deixou unha pegada imborrable no municipio, onde traballou como profesora no IES Xulián Magariños.

Ao longo dos trece cursos académicos que permaneceu en Negreira, María López Sández tivo un papel esencial á hora de preparar ás novas xeracións do IES Xulián de Magariños como mestra no instituto, onde foi quen de transmitirlles moito máis que coñecementos teóricos, deixándolles dúas calidades que forman parte da súa traxectoria vital e profesional: a súa vocación didáctica e a súa paixón pola literatura.

Nun emotivo acto, o alcalde, Manuel Ángel Leis Míguez, deu as grazas a María “pola túa paixón, polo teu traballo durante tantos anos en Negreira, e contribuír na tan necesaria tarefa de loitar pola igualdade no día a día, neste caso no ensino público do noso concello”. Tamén subliñou o papel “das administracións públicas e as persoas que traballamos na súa xestión á hora de dar exemplo, adiantarse á sociedade para concienciar e avanzar naqueles temas nos que é necesario”. “Para o Concello de Negreira, a loita pola igualdade é unha prioridade de goberno”.

A entrega do VII Premio 8 de Marzo do Concello de Negreira contou coa presenza do Equipo #EQUA e do profesorado e da dirección do IES Xulián Magariños.