Portos freará o deterioro da nave de xeo de Muxía renovando as súas fachadas e a envolvente da cuberta

O investimento será de 130.000 euros // A actuación inclúe tamén a substitución de portas, portóns, fiestras, reixas e baixantes

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, na súa visita ó poro de Muxía

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, na súa visita ó poro de Muxía / Xunta de Galicia

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, ten previsto iniciar proximamente a licitación do proxecto de reforma do edificio da nave de xeo do porto de Muxía.

Así o comunicou este mércores a presidenta do mencionado ente público, Susana Lenguas, nunha visita á localidade para presentar ó sector profesional e ós representantes municipais o proxecto técnico para realizar esta importante actuación.

A representante do Executivo autonómico explicou que o proxecto prevé un investimento de ao redor de 130.000 euros e o prazo de execución previsto para as obras, unha vez contratadas, é duns tres meses.

A este respecto, Susana Lenguas indicou que a reforma incluirá a renovación da envolvente metálica da cuberta e as fachadas co obxectivo de resolver as deficiencias que presenta derivadas da súa exposición ás inclemencias meteorolóxicas.

As actuacións consistirán na reposición da cuberta e dos paneis metálicos da fachada, así como na substitución de portas, portóns, fiestras e reixas e a renovación das baixantes do edificio, ao tempo que se executará o saneamento soterrado ata a rede de augas pluviais.

Esta obra de reforma pretende dar resposta ás diversas necesidades que foron trasladadas pola confraría de pescadores local nunha anterior visita da presidenta de Portos de Galicia ó concello de Muxía.

Por outra banda, Susana Lenguas lembrou que este investimento previsto pola Administración autonómica engádese a outros traballos de relevancia executados recentemente no peirao muxián, como a reposición da cuberta da lonxa, a dotación de defensas e escalas, a renovación do pavimento do borde portuario ou a instalación de novas varandas.

En total, segundo lembrou, lévanse destinados ao redor de seiscentos mil euros a distintas melloras que foron executadas nos últimos tempos no porto de Muxía.

A actuación que se vai acometer agora na nave de xeo viña sendo moi demandada polos usuarios e usuarias das instalacións portuarias, segundo indican ao respecto dende a Consellería do Mar.