Espazos verdes sostibles e comprometidos coa integración da diversidade en Carballo

Once áreas axardinadas están a ser revalorizadas con deseños adaptados // O plan aposta por incluír pantallas acústicas, acolchado de solos e crear novas zonas de sombra // Unha delas estará adicada a Rosalía de Castro

Zona axardinada do barrio de A Milagrosa, unha das incluídas no plan de reforma  dos espazos verdes/ c. c.

Zona axardinada do barrio de A Milagrosa, unha das incluídas no plan de reforma dos espazos verdes/ c. c. / j. m. ramos

O Concello de Carballo puxo en marcha hai catro anos un proxecto de reforma integral das zonas verdes da capital municipal que vai máis aló de apostar por unha mellora estética e ornamental da vila, xa que no seu deseño priman tamén os criterios técnicos, funcionais e a integración social, pois as obras están a ser realizadas por persoal do centro especial de emprego Dixardín, que conta cun 80 % de persoal con diversidade funcional.

Traballadores na Praza Eduardo Pondal / c. carballo

Traballadores na Praza Eduardo Pondal / c. carballo / j. m. ramos

As actuacións están a realizarse en base a deseños adaptados a cada espazo, que apostan pola funcionalidade e integración na contorna. Así, na zona da Milagrosa crearanse pantallas acústicas e de protección, e nas rotondas primará o acolchado de solos espidos, mentres que no Parque do Anllóns, ademais de xerar novas zonas de sombra coa plantación de tres novas árbores, introducirán un elemento novo cun xardín adicado a gran poeta galega Rosalía de Castro.

Rotonda axardinada no polígono de Bértoa / C. C.

Rotonda axardinada no polígono de Bértoa / C. C. / j. m. ramos

Todas as melloras que se están levando a cabo nas zonas verdes realízanse tamén en función de criterios técnicos, tratando de evitar ou paliar problemas de tipo fitopatolóxico, biomecánico, fisiopático e de funcionalidade que presentan algúns dos espazos verdes.

Ademais de realizar unha clara aposta por xardíns máis sostibles, o plan do Concello carballés avoga por especies axeitadas a cada espazo, ademais de incorporar sistemas de rego e un alto estándar de calidade.

Melloras en máis de oito mil catrocentos metros cadrados 

O plan integral de mellora das zonas verdes de Carballo contempla o axardinamento de máis de 8.400 metros cadrados, sendo a maior superficie a correspondente ao parque Rego da Balsa.

O criterio básico das intervencións é a valorización das respectivas áreas. Á hora de escoller a vexetación tivéronse en conta distintos aspectos, como a utilización de plantas autóctonas, o transplante dalgunhas das existentes para emprazamentos máis axeitados, os volumes, os olores, as necesidades hídricas, a persistencia da folla, a resistencia ao vento, o crecemento, as cores ou os froitos.

Tamén se adoptan as medidas necesarias para acadar unha maior resistencia ao ataque de pragas e enfermidades para reducir o uso de produtos fitosanitarios. Priman as especies arbustivas e arbóreas que non precisen de reposición para optimizar a xestión dos xardíns, pero empregando á vez especies anuais que aporten vistosidade e cor ás zonas verdes.

No proxecto tamén se incluíu a colocación de xardineiras nos soportes de luminarias de distintas rúas, e a instalación de torres florais en diferentes puntos céntricos da capital de Bergantiños.

O proxecto de reforma integral comezou cunha primeira intervención en once espazos axardinados: Rego da Balsa, prazas de Galicia, do Concello e da Cruz Vermella e sete rotondas. Este primeiro contrato permitiu estender aos xardíns o proceso de transformación que está a experimentar a capital de Bergantiños. Un esforzo que se viu recompensado a finais do ano 2022 no certame Vilas en Flor ao acadar tres Flores de Honra na primeira participación do Concello de Carballo nesta iniciativa.

Despois desa primeira intervención, cuxos resultados están á vista, o goberno local decidiu dar un paso adiante cun novo proxecto de mellora integral doutros 8 espazos axardinados: os parques do Anllóns, Eduardo Pondal e A Milagrosa, a rotonda de Pedra Furada e outras catro situadas no polígono de Bértoa. O investimento total ronda os 90.000 euros.

Coincidindo co comezo da primavera e as celebracións do Día da Poesía e o Día da Árbore, este martes, día 21 de marzo, o Concello inaugurará ademais o espazo dedicado a Roalía de Castro. Un xardín que ten a particularidade de que foi cedido polo Concello de Allariz logo de ser un dos seleccionados no anos 2021 no festival internacional que se celebra cada ano nese municipio ourensán.

Trátase, segundo sinalan dende o goberno carballés, “dunha auténtica obra de arte de xardinería” deseñada por Arquiterras, un equipo galego formado por Sara del Río Seoane, Johnatan Carreira Vázquez e Ana Barxa Cid.

O Xardín de Rosalía, situado no Parque do Anllóns, moi preto da praza Xela Arias, está inspirado no poema Adiós ríos, adiós fontes. Os seus autores propoñen un paseo polas estrofas do coñecido poema a través da escenificación dalgúns elementos que nel aparecen, de maneira que a persoa que o visita poida imaxinarse protagonizando ese camiño cara á emigración, converténdose así tamén nunha homenaxe aos emigrantes. Será un espazo vivo que irá mudando ao longo do ano, e incluirá un banco que simulará o último contacto coa terra antes de embarcar cara a emigración. O percorrido rematará fronte á imaxe de Rosalía de Castro creada o pasado ano polo artista carballés Mon Lendoiro para o Concello.