Estudantes de Boiro celebraron un mercado de prendas de segunda man

Alumnos do IESP A Cachada durante a celebración do mercado / ies a.c.

Alumnos do IESP A Cachada durante a celebración do mercado / ies a.c. / suso souto

Alumnos do IESP A Cachada de Boiro organizaron unha actividade de reutilización de recursos materiais que merecen un segundo ciclo de uso. Coa axuda do equipo da Brigada Verde de 1º e o Club de Ciencias de 2º, o centro conmemorou o Día Mundial do Consumo Responsable cun mercado de intercambio de prendas de segunda man entre o alumnado. Cada estudante levou unha prenda e recibía un vale que canxeaba por outra do seu gusto. A actividade desenvolveuse baixo o lema O consumismo compulsivo destroza o Planeta. Por outra banda, o alumnado de 1º da ESO da Brigada Verde e o de 2º da ESO do Club de Ciencia plantou 100 árbores frondosas (castiñeiro e carballo americano) no monte da Pedreira, detrás do campo de fútbol de Barraña, en colaboración co Concello de Boiro, co obxectivo de evitar a perda de ecosistemas e frear o deterioro do Planeta. “Son árbores que poden vivir en terreos pobres de nutrientes e son de baixo mantemento, e por iso se elixiron estas especies”, explicaron dende o instituto.