Colectivos de diversidade funcional conciencian aos estradenses coa X Solidaria

Membros dos colectivos coa X Solidaria / concello de a estrada

Membros dos colectivos coa X Solidaria / concello de a estrada / redacción

Redacción

Coincidindo co inicio da campaña para a presentación da declaración da renda, persoas usuarias e profesionais do centro de Cogami en Medelo, do Centro de Apoio Familiar a Braña da Asociación Apacaf e da entidade Agadea desprazáronse ata a Estrada para pedir a colaboración de veciñas e veciños para que marquen o recadro 106 de Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social, coñecido como X Solidaria.

As preto de sesenta persoas reunidas na Praza Martínez Anido da Estrada realizaron unha grande X de tea para darlle visibilidade a unha campaña que resulta de especial interese para as entidades sociais, do recadado a través do 0,7 % do IRPF dependen moitos dos programas que a diario realizan estas entidades a favor das persoas.

Segundo explicaron os colectivos aos estrandenses, marcando a X Solidaria, o recadro 106 de Fins Sociais, “nin se paga máis nin se recibe menos cartos no caso de devolución e contribuímos á realización de programas e proxectos para as persoas en risco de exclusión que máis o precisan, como son as persoas con discapacidade”, apuntaban cando a divulgación da súa actividade.

Suliñar que esta campaña que desenvolven as ONG tamén conta con difusión nas redes sociais a través dos cancelos #ChámalleX e #LlámaloXSolidaria.