Rois homenaxea ao profesor Lois Aldegunde e ponlle o seu nome ó certame literario municipal

Lois Aldegunde, co alcalde, dereita, familiares e docentes / c. de rois

Lois Aldegunde, co alcalde, dereita, familiares e docentes / c. de rois / REDACCIÓN

Redacción

Centos de persoas asistiron este sábado en Rois á homenaxe organizada polo Concello para conmemorar os 25 anos de docencia de Lois Aldegunde, profesor de Lingua e Literatura do CPI dos Dices, quen deixa a docencia enfermo de ELA.

Nun acto cargado de emotividade, o alcalde, Ramón Tojo, anunciou que o certame literario que organiza anualmente o Concello pasará a chamarse dende agora Certame Literario Lois Aldegunde, “en recoñecemento ao seu labor e quefacer profesional e humano”. Faceta que tamén destacou a directora do CPI dos Dices, Ana Lamela, quen se referiu ao docente como o “gran dinamizador da lectura e da oratoria” entre o alumnado do citado centro.

A homenaxe, celebrada no polideportivo, contou cunha ampla representación do alumnado das 25 promocións ás que lle deu clase Lois Aldegunde e compañeiros de profesión. Aldegunde recibiu de mans de Ramón Tojo unha figura do escultor Camilo Seira coa lenda “A Lois Aldegunde, pola súa traxectoria e a súa sementeira en Rois”.