Vinte e cinco propostas encherán de música, teatro, literatura e baile o Maio Cultural ribeirense

Tres corais protagonizarán o Concerto das Letras Galegas o día seis // O Orfeón Terra A Nosa actuará o trece // Millet presentará disco

As concelleiras María Sampedro, esquerda, e Juana Brión, na presentación da programación cultural / C.R.

As concelleiras María Sampedro, esquerda, e Juana Brión, na presentación da programación cultural / C.R. / suso souto

As concelleiras de Cultura e Educación de Ribeira, María Sampedro e Juana Brión, respectivamente, presentaron a programación do Maio Cultural, que estará conformada por 25 propostas, enchendo de actividade todo o mes.

Sampedro informou de que as accións comezarán na primeira semana coa apertura, o venres 5 de maio, ás nove da noite, dunha nova exposición de óleos e acuarelas do artista José Luis Blanco no Centro Cultural Lustres Rivas.

A música será unha das protagonistas en maio con propostas concentradas fundamentalmente nas fins de semana. Destacan, por exemplo, o Concerto das Letras Galegas, que terá lugar o sábado 6 ás 20 horas no auditorio, e que estará protagonizado polas corais Voces Amigas de Moraña, San Xoán de Serres de Muros e a Coral Municipal de Ribeira.

Ao seguinte sábado, o día 13, terá lugar o concerto do Orfeón Terra A Nosa; o venres 19 será o concerto de presentación do novo disco do grupo Boroa; o día 20 actuará a Laudars Orquestra de Barcelona e terá lugar o Concerto da Noite Nova coa orquestra Platinum e DJ Mateo Abelleira. Asimesmo, o día 27 a orquestra Sons ofrecerá o Concerto de Aranjuez. En canto ao propio día 17 de maio, Día das Letras Galegas, conmemorarase cun espectáculo musical titulado Picadiscos, de María Faltri, ao o mediodía na Praza do Concello, coa Xornada das Letras Galegas que impulsa a Asociación Francisco Lorenzo en Aguiño dende hai xa 17 anos con actividades para a cativada, como inchables, debuxo con agasallos e un espectáculo infantil familiar. O broche de ouro para esa xornada será ás nove da noite, de novo na Praza do Concello, coa presentación de Moi noso, o novo disco do aguiñense Xandre Millet.

Celebrarase ademais un espectáculo de baile de Cantigas e Agarimos o domingo 14 de maio, que fará un desfile dende as seis da tarde polo Malecón e rematará cun espectáculo no Parque García Bayón.

Así mesmo, a finais do mes de maio será a vixésimo terceira edición da Mostra de Teatro Infantil de Ribeira Daniel Gómez Ramil.