Charla literaria da escritora María Canosa co alumnado do IES de Baio

Redacción

A escritora ceense María Canosa participou nunha charla literaria co alumnado de primeiro da ESO do IES Maximino Romero, centrada en Saínza, a Punkiereteira, un álbum escrito por ela e ilustrado por Cristian F. Caruncho. A autora explicoulle aos estudantes que, a partir da ilustración que lle inspirou esta obra, tivo claro que a protagonista tiña que ser “afouta, decidida, feminista, amante do rural e moi respectuosa cos maiores”.

Canosa deulle as grazas aos escolares polo simple feito de ler, e animounos a que non deixen de darlle oportunidades aos libros. Contoulles que nunca pensara en ser escritora, pero como súa nai, Concha Blanco, escribía, ela tamén o facía de forma natural, porque lle gustaba e era un divertimento máis. Unha diversión que tamén lle fai reflexionar sobre si mesma e o sobre o que lle preocupa. Antes de comezar a escribir xa ten a historia na cabeza e despois deixa que pasen meses para corrixirse a si mesma, para poder cambiar o punto de vista de escritora a lectora. María Canosa confesou que aínda segue escribindo a man e que cando remata unha obra acostuma a poñerlle a data dese día. Publicou 52 libros, ademais doutros conxuntos, e recibiu numerosos galardóns literarios.