Emigración

Gastronomía e música reforzan a galeguidade en Liechtenstein

Dende hai 45 anos, o Centro Español Santiago Apóstol, é o punto de encontro dos 350 galegos que residen no Principado// O muxián Manuel Figueroa preside un colectivo que aposta por manter viva a conexión coa terra

Manuel Figueroa, á esquerda, preside o centro /Ceas Bendern

Manuel Figueroa, á esquerda, preside o centro /Ceas Bendern / JOSÉ M. RAMOS

No pequeno Principado de Liechtenstein o sentimento, o orgullo e a lingua galega están moi presentes grazas á comunidade de emigrantes que, aínda que cada vez menos numerosa, mantén viva a galeguidade ao redor do Centro Español Santiago Apóstol, constituido hai 45 anos.

Hai dúas décadas chegaron a ser máis de mil, e hoxe apenas son 350, a maioría da Costa da Morte, segundo sinala o muxián Manuel Figueroa, que preside a entidade dende hai máis de dúas décadas. El, como outros moitos, leva toda unha vida en Liechtenstein, onde residen tamén os seus fillos e netos, aínda que todos eles manteñen moi vivo o vínculo con Galicia.

Todas as fins de semana, de venres a domingo, o centro que, dende hai dous anos ten unha nova sede en Bendern, é o punto de encontro da comunidade galega, que acode alí para gozar do seu tempo de lecer, no que a gastronomía e a música da terra exercen como polo de atracción. “Cada fin de semana veñen comer entre 30 e 40 persoas ao centro”, afirma Manuel Figueroa. E non só van galegos, “pois dun tempo a esta parte veñen tamén moitos cidadáns de Liechtenstein, pois eles tamén gustan da nosa gastronomía”.

Manuel Figueroa, á esquerda, preside o centro /Ceas Bendern

No Principado residen membros de tres xeracións / M. F. / JOSÉ M. RAMOS

O responsable de que eses sabores galegos xunten ao carón dunha mesa a tantos comensais é o corcubionés Ramón Dosil, que xestiona a cafetería-restaurante do centro dende hai dous anos, e que este sábado renovou a concesión por outros dous máis co aval dos socios da entidade. El será o encargado tamén de elaborar o vindeiro sábado, día 13, o menú especial para celebrar o Día da Nai. Farano cunha cea-baile á que está previsto que asistan unhas 130 persoas, e todas as nais que son socias serán convidadas. Ademais de degustar menús e produtos galegos, a música tamén chegará dende a terra, pois a velada será amenizada polo Dj vimiancés Rokiño, que vén de actuar a pasada semana noutros centros galegos en Suiza.

“Este é o segundo ano que celebramos o Día da Nai, e en marzo conmemoramos tamén por vez primeira o Día do Pai, e a verdade é que a xente respondeu moi ben”, afirma Figueroa. No novo centro, que é máis amplo, “estamos a organizar máis actividades ca nunca, porque é un xeito de manter a conexión coa terra e de axudar tamén a manter o propio centro”, engade.

O corcubionés Ramón Dosil, de pé, seguirá a cargo do restaurante do centro dous anos máis / M. F.

O corcubionés Ramón Dosil, de pé, seguirá a cargo do restaurante do centro dous anos máis / M. F. / JOSÉ M. RAMOS

Para o día 20 de maio teñen programada tamén a churrascada que fan todos os anos por estas datas, a cal será amenizada polo trío galego Azar. Ademais de citas gastronómicas e musicais, ao longo do ano organizan campionatos de truco, escoba e tute, e no outono celebran unha gran festa anual que xunta a máis de 500 persoas.

Unha intensa actividade que require de esforzo, dedicación e financiamento. Ademais das cotas que aportan os socios “contamos con subvencións da Xunta de Galicia e da Consejería Laboral de Berna, e temos tamén o asesoramento, tanto a nivel individual como colectivo, do cónsul honorario de España”, asegura Manuel Figueroa.

Aínda que o cambio de sede supuxo un importante incremento dos gastos, “seguimos tendo unhas contas saneadas e, actualmente, dispoñemos duns aforros de 92.000 francos”, subliña. As contas e a xestión da directiva foron refrendadas polos socios este sábado, “e agardamos que o centro se poida manter vivo e activo moitos anos máis. Manuel confía tamén en que, agora que se achega a súa xubilación, as novas xeracións garantan a continuidade.