Lousame aprobou os proxectos da nova depuradora e da mellora do saneamento

Darán servizo a Berrimes, Devesa, A Silva, A Costa e As Quintáns, e á piscina, o polideportivo e o colexio

A alcaldesa, Teresa Villaverde, centro, presidindo o último pleno

A alcaldesa, Teresa Villaverde, centro, presidindo o último pleno / c.l.

A Corporación municipal de Lousame aprobou na última sesión da actual lexislatura o proxecto construtivo de mellora da rede de saneamento e da nova depuradora, cun orzamento base de 951.992 €. A aprobación inicial do proxecto contou cos votos a favor de PP e BNG, e a abstención do PSOE. Agora será sometido a exposición 20 días hábiles para alegacións.

A actuación deseñada daralles servizo aos núcleos de Devesa, A Silva, Berrimes, As Quintáns e A Costa, así como a instalacións como a piscina e o polideportivo municipal e ao colexio Cernadas de Castro.

O pleno aprobou tamén un cambio nas achegas municipais a este proxecto (0 euros en 2023, 105.262 euros en 2024 e 116.525 euros en 2025) cos votos a favor do PP e a abstención de PSOE e BNG.

Así mesmo, déuselle o visto bo á adaptación da ordenanza fiscal por licenzas de urbanismo e comunicacións previas á nova normativa (cos votos a favor de populares e nacionalistas e a abstención dos socialistas) e o establecemento dun prezo polas visitas ao complexo museístico de San Finx.

A tarifa xeral fixouse en dous euros para persoas de 6 a 64 anos; a reducida, nun euro para persoas empadroadas en Lousame e grupos escolares; e a entrada será de balde para menores de 5 anos e maiores de 65. Os prezos foron aprobados cos votos a favor de PP e PSOE e coa abstención do Bloque.

Cernadas de Castro

Por outra banda, a Praza Teodomiro Hidalgo de Portobravo acollerá este domingo dúas actividades encadradas na programación da XXI Festa do Galego. A partir do mediodía, poderase desfrutar do Concerto das Letras Galegas que ofrecerá a Banda de Música de Lousame. A segunda actividade terá como protagonista a Diego Antonio Cernadas de Castro, o Cura de Fruíme, para quen o Concello leva anos reclamando que se lle dedique un Día das Letras Galegas. Por iso, a partir do mediodía haberá unha exposición itinerante sobre a súa vida e obra. A mostra leva por título Diego Antonio Cernadas de Castro. O primeiro precursor do galeguismo e poderase ver este domingo na praza consistorial de Lousame. Despois trasladarase á sala de mostras da casa de cultura.