Menores de 30 que queren ser alcaldes

Estando na vintena hai candidatos á alcaldía como os de Val do Dubra ou Catoira que repiten por segunda vez como cabezas de lista dos seus partidos //Impulsar os servizos en todas as parroquias ou garantir o emprego nas súas localidades son os obxectivos máis repetidos nos seus programas electorais

O socialista Diego Luis Díaz, candidato en Val do Dubra /cedida

O socialista Diego Luis Díaz, candidato en Val do Dubra /cedida / BELÉN TEIGA

Non chegan aos 30 anos, pero queren ser alcaldes das súas vilas. En Área de Compostela, son numerosos os candidatos novos que toman as rendas dos seus partidos e buscan gobernar nas súas localidades. De feito, algúns, a pesar da súa idade, xa repiten como cabezas de lista por segunda vez consecutiva nunhas eleccións municipais. Conseguir estabilidade para os que queiran quedar, impulsar os servizos nas parroquias ou a mellora de infraestruturas son os puntos que máis resaltan dos seus programas electorais.

O candidato do BNG en Outes, Anxo Núñez  / cedidA

O candidato do BNG en Outes, Anxo Núñez / cedidA / BELÉN TEIGA

Un destes casos é o de Anxo Núñez, nado no ano 1999, quen se postula como candidato do Bloque Nacionalista Galego na vila de Outes. Núñez sinala que Outes “é un lugar onde hai moitas oportunidades, pero a actual situación de abandono que vive o concello e a dificultade de atopar emprego e vivenda, son as razóns que me motivaron a tomar partido e presentarme”.

Cabeza de lista do Partido Galego en Ribeira, Moisés Domínguez / CEDIDA

Cabeza de lista do Partido Galego en Ribeira, Moisés Domínguez / CEDIDA / BELÉN TEIGA

Doutra banda, Diego Luis Díaz xa foi candidato nas anteriores eleccións municipais polos socialistas de Val do Dubra, cando tiña 25 anos. Agora, catro anos despois, volve ser o número 1 da lista do PSdeG. “En 2019 o noso partido non tiña representación no consistorio e conseguimos ser a terceira forza política”, sentenza o valdubrés. Así, engade que “o noso traballo foi moi ben valorado polos veciños e creo que tamén me axudou a ver que non son tantos os prexuízos que existen sobre a xente nova”.

O alcaldable do PP de Catoira, Iván Caamaño / ecg

O alcaldable do PP de Catoira, Iván Caamaño / ecg / BELÉN TEIGA

Un caso similar é o do candidato popular de Catoira, Iván Caamaño (1996), que repite como cabeza de lista despois de terse presentado ás anteriores eleccións municipais con 22 anos. “Foi unha gran cousa terme presentado porque sempre me gustou a política, xa entrei no partido cando estudaba en Santiago, e foi Alfonso Rueda, sendo presidente do PP provincial de Pontevedra, quen me animou a encabezar as listas aquí porque estaba todo por facer”.

O que se presenta por primeira vez a uns comicios é Moisés Domínguez, que, con 26 anos, inicia a lista do Partido Galego na localidade de Ribeira. O candidato explica que “estaba na comisión de festas de Oleiros, que é a miña parroquia, a máis rural do municipio totalmente abandonada” e que “aí foi cando o vin claro, que tiña que facer algo”.

No que se refire aos seus programas electorais, insisten en que “como calquera outro”, constrúense en base ás necesidades específicas das súas vilas. Domínguez apunta que nas listas do Partido Galego en Ribeira “hai xente de todas as idades, dende 20 ata case 85 anos, para recoller todas as sensibilidades”. Deste xeito, subliña que, entre os seus obxectivos está “construír unha estación de buses, ampliar o SAF ou eliminar o bullying nas escolas”.

Así, Núñez destaca entre as súas prioridades para Outes “mellorar a xestión diaria do Concello, ter un mantemento básico nas parroquias ou crear un plan de turismo sostible”. “Creo que a política está moi denostada, hai quen a vende como algo malo pero o que poden ser malos son os políticos ou os partidos”, engade.

Pola súa banda, o alcaldable socialista de Val do Dubra resume ben os seus própositos nunha única frase: “hai que traer o Concello ao século XXI, que todas as parroquias conten cos servizos necesarios, coas cousas máis básicas, e mudar a vida dos veciños sen grandes inventos nin excentridades”.

Caamaño, que xa está na oposición de Catoira, apunta que “queremos seguir co plan de asfaltado ou a creación do aparcadoiro”. Tamén detalla que lle gustaría “seguir impulsando o deporte, con carreiras ou mellorando no fútbol, onde xa se investiu moito diñeiro agora, tamén facendo mellores iniciativas para os maiores e dando máis pasos no eido da cultura.”

Sobre esa decisión de dar o paso para ser participante activo na política das súas localidades, o alcaldable popular de Catoira remarca que “todo é posible, a xente nova é o futuro, ser novo é algo beneficioso polas ganas e a ilusión que se lle poñen ás cousas, non como aqueles que levan 36 anos no goberno”.

Nesta liña, Diego Luis Díaz indica que “ao final se queremos mellorar os lugares nos que vivimos, o primeiro que temos que facer é involucrarnos na política local, xa que é dende onde podemos mudar as cousas”. O candidato subliña que “a incorporación de xente nova na primeira línea dos partidos é moi importante porque estamos tan capacitados e informados como calquera outro veciño da vila”.

“Unha persoa por ser máis nova non é nin máis nin menos válida cunha maior, que non nos pesen as etiquetas”, así anima Anxo Núñez á xente que está pensando en entrar en política. Onacionalista considera que “é necesario tomar partido”. E ten claro que “hai que perder o medo a pensar que un non vale. Eu creo que, mentras se sexa construtivo, todas as mans son benvidas”.

Estes son só algúns dos casos de personas novas que encabezan as listas dos partidos electorais en Área. Pero hai máis. Outros exemplos son o da socialista de Zas, Sheila Rial Mata, que ten 29 anos, ou o do cabeza de lista do PP de Fisterra, Luis Insua, quen ten 30.

As persoas novas completan tamén as candidaturas de moitos dos municipios da Área de Compostela. Un caso é o de Teo. Nesta localidade atopamos a Carme Giráldez Salgado, estudante do grao de Xestión Cultural na USC e nada no ano 2003, que figura de número 14 na lista de Teo en Común. Tamén neste municipio, pero polo BNG, Roi Álvarez Iglesias, veciño de Cacheiras e estudante de ADE en Santiago, ocupa o número 13 na candidatura.