Os candidatos maiores de 60 anos, case todos repiten

Alcaldables como a de Lousame ou o de Catoira levan varias lexislaturas á fronte dos consistorios locais dos seus municipios // Case todos eles foron xa líderes dos seus partidos // Concordan en que a idade para presentarse “non é importante”

Rosa García Pose, líder de Iniciativa Progresista de Ribeira / cedida

Rosa García Pose, líder de Iniciativa Progresista de Ribeira / cedida / belén teiga

As listas para as eleccións municipais do próximo vinte e oito de maio en Área de Compostela están cheas de caras coñecidas para os veciños das diferentes localidades. Son múltiples os candidatos que superan os sesenta anos de idade, sendo, a meirande parte deles, moi experimentados no eido da política. Algúns levan xa case cuarenta anos á fronte dos consistorios das súas vilas, e case todos foron xa candidatos en anteriores ocasións.

O alcaldable de Carnota polo BNG, Ramón Noceda/ cedida

O alcaldable de Carnota polo BNG, Ramón Noceda/ cedida / belén teiga

Un exemplo disto é Rosa García Pose, a candidata por Iniciativa Progresista de Ribeira, que tamén foi a primeira muller en ser alcaldable nunhas eleccións na localidade. Aos seus 74 anos , volve presentarse como cabeza de lista, despois de que o seu partido quedase por primeira vez dende a súa conformación sen representación no consistorio ribeirense nesta lexislatura. “Só hai que ter ilusión e máis a responsabilidade de entender o que é a xestión dun Concello”, sinala sobre as características que debe ter unha alcaldable.

En Lousame, con 62 anos, preséntase unha vez máis encabezando a lista polo Partido Popular Teresa Villaverde. A candidata leva á fronte deste Concello dende o 2012, cando dimitiu Santiago Freire, quen é actualmente o alcalde de Noia. “Ata o ano 2003 nunca estiven en política nin tampouco pensaba en estar, depois foi aí, nese ano, cando entrei como concelleira de cultura aquí”, sinala sobre a súa traxectoria.

A popular de Lousame, Teresa Villaverde /cedida

A popular de Lousame, Teresa Villaverde /cedida / belén teiga

Repite tamén como candidato o actual alcalde de Catoira, o socialista Alberto García, quen entrou no consistorio local hai máis de corenta anos como concelleiro. “Presenteime nas listas no 1979, as primeiras eleccións democráticas que houbo tras a ditadura franquista”, detalla sobre a súa traxectoria na política local da vila. Así, García puntualiza que “foi no ano 1989 cando fun alcalde da localidade por primeira vez”.

Pola súa banda, en Carnota volve presentarse nas eleccións, o que fora alcalde do BNG en varias ocasións, Ramón Noceda, de 69 anos, quen di afrontar a súa volta con “especial ilusión, dedicación e esperanza”. O candidato apunta a que “levo en política prácticamente toda a vida, dende os 16 ou 17 anos”.

A pesar dos anos que levan en política, algunhas das palabras que máis se repiten entre os candidatos son “ilusión” e “ganas”. Todos eles concordan en que a idade “non é importante” á hora de presentarse ás eleccións municipais, senón que son outros valores os que veñen a definir aos candidatos e candidatas.

García Pose di que “dálle a risa”, falando sobre os anos dos candidatos nas eleccións municipais do próximo 28 de maio. “Non falo nunca de idades porque creo que mentras teñas compromiso co que fas, da igual ter 20 anos que 80, e niso hai bos exemplos de compromiso en ambos casos”, subliña a de Ribeira. Así, engade que “se a experiencia fose un valor en alza, que mellora coa idade, en Ribeira teríamos un moi bo alcalde, pero non é o caso”, indicaba a este xornal.

O candidato socialista de Catoira, Alberto García / cedida

O candidato socialista de Catoira, Alberto García / cedida / belén teiga

Sobre este tema, sensación similar ten a popular Teresa Villaverde que apunta que “fai falta xente maior que coñeza as necesidades desa poboación, pero tamén xente nova con outros coñecementos e que aporte outras cousas”. Así, agrega para ela “a vocación é algo totalmente imprescindible para estar a fronte dun Concello, e é algo que agora parece non estar de moda”. A alcaldable destaca como “o máis importante” o feito de que “hai que estar a pé de rúa todos os días, ir cos veciños e escoitalos en primeira persoa para poder coñecer as súas demandas”.

Pola súa banda, o candidato de Catoira refírese á importancia da paridade neste ámbito. Así, García explica que “o que sempre se fixo no PSOE é compaxinar nas listas a xente con experiencia coa xuventude, para que estes tamén teñan a oportunidade de estar aquí e de aprender”. Deste xeito, fai fincapé en que “a miña prioridade é Catoira, xa que todo o que hai aquí débese ao PSOE”.

O alcaldable do BNG en Carnota, Noceda, apunta a que o que hai que ter para presentarse como candidato “é vontade e certa capacidade de xestión municipal”. Tamén subliña que “o máis importante é coñecer á xente coa que estás e partipar continuamente coa veciñanza porque eles sempre teñen que estar no centro”, afirma.

Así mesmo, a candidata popular de Lousame expresa que nos anos que leva á fronte da alcaldía “tiven que tomar decisións de moita responsabilidade”, pero apunta que, por iso, “aprendín moito”. Villaverde destaca ademais que “é moi importante ir formándose e aprendendo dos cambios”.

No referido ao programas electorais, a alcaldable por Iniciativa Progresista de Ribeira traslada que “o primeiro que faríamos sería unha xuntanza de seguridade co comercio para tratar de frear o nivel de violencia que hai as fins de semana na vila ultimamente”.

No seu caso, o de Catoira detalla que entre os seus obxectivos está o de “seguir dotando ao municipio de servizos de todo tipo, tamén no ámbito cultural, no que Catoira, aínda que é unha vila pequena, é un referente”.

Son máis os candidatos que superan os 60 os que buscan liderar nos seus concellos. Outros exemplos son José Domínguez Buiturón, de 64 anos, candidato polo Partido Popular de Corcubión; e Manuel Gómez Eiroa, quen aos seus 65 anos encabeza a lista de VOX en Carballo, un dos tres concellos de Costa da Morte onde figura este partido.

Ademais, as listas dos partidos complétanse con numerosas persoas que tamén pasan o umbral dos sesenta. Entre eles está María Carmen Jorge Baleirón, unha veciña da parroquia de Calo nada no ano 1948, quen se presentaa como a número 22 das listas de Proxecto Común de Teo; o septuaxenario socialista de Teo Roberto Moniño ou Francisco José Vidal Castro, que con 62 anos é o candidato socialista en Laxe.