Síguenos en redes sociales:

Blas GarcíaAlcalde e líder do PSOE amesán

A pugna por Ames: “Hai candidaturas cheas de familiares, coa metade da lista de fóra ou sen empadroar”

A pugna por Ames: “Hai candidaturas cheas de familiares, coa metade da lista de fóra ou sen empadroar”ECG

Cales son as fortalezas da súa candidatura nestes comicios? 

Investimos máis de doce millóns en obras, pero tamén melloramos servizos, desde a limpeza no rural ata a viaria, o servizo de axuda no fogar ou a mellora da atención aos nosos maiores. Ademais, Ames é referente na contorna polo seu bo clima político e entendemento.

Que lle piden os veciños?

Preocúpanse polas obras e arranxos nos núcleos, pero nós tamén apostamos por mellorar servizos para fixar poboación, como o transporte entre o rural e as urbes, a conciliación ou estender a fibra. 

Esquerda e dereita preséntanse moi fragmentadas desta volta... 

Hai novos partidos, como Vox e Ucin, e na esquerda Luísa Feijóo, despois de oito anos no goberno; o que non sei é a medida na que repercutirán no PP e na nosa formación, pero penso que o PSOE e o Bloque van recoller votos da Marea, que non se presenta, e da sección de Contigo Pódese. O que está claro é que son candidaturas cheas de familiares e nalgunha máis da metade da lista é de fora, con candidatos sen empadroar sequera no noso municipio.

Como ve esta campaña?

Trátase da campaña máis rara, con menos actividade, e unha situación de tranquilidade a nivel de Concello. E chócame que o resto das formacións non se reúnan máis cos veciños, coma nós.

Acadarán os socialistas amesáns a maioría absoluta? 

O Partido Socialista aspira a gobernar en solitario Ames; houbo coalicións nestes anos, pero calquera forza o que quere e aplicar as súas propias políticas en solitario, e penso que é difícil acadar unha maioría absoluta.

David Santomil, Edil e candidato do BNG

David Santomil, Edil e candidato do BNG

“Queremos mellorar a nosa representación e dar o sorpasso ó PSOE”

Que prioridades teñen?

A nivel político, mellorar a nosa representación e dar o sorpasso ao PSOE. Queremos definir o Ames do futuro reordenando as súas urbes e priorizando espazos para as persoas. 

Vaille beneficiar o aumento de candidaturas ou non? 

Penso que vai haber unha restruturación da Corporación: nós queremos agrupar o voto da esquerda, e estamos en disposición de facelo. Ademais, a nosa porta está aberta ás persoas que estiveron antes no Bloque; con humildade, é o noso momento.

Como é unha xornada típica de Santomil nesta campaña? 

Comezamos dende cedo no concello, con reunións e sinaturas electrónicas, e logo xa empezamos ca campaña con xuntanzas porta a porta cos colectivos locais e, pola tarde, reparto informativo.

Que é o que mellor fixeron dentro do tripartito amesán? 

Facer das nosas áreas un referente en todo o país, con grandes investimentos en conciliación, pero tamén en cultura, mocidade ou mesmo nos estudos que fixo a Real Academia Galega. Agora queremos ampliar esas referencias

Hai que abrirse á comarca?

Temos que mirar a Santiago, Teo ou Brión para definir as necesidades en infraestruturas e mobilidade, e tamén evitar os localismos, sempre coa axenda 20-30 para o desenvolvemento sostible.

Oliva Agra, Concelleira e candidata do Partido Popular

Oliva Agra, Concelleira e candidata do Partido Popular

“Beirarrúas levantadas, maleza e lixo requiren unha solución inmediata”

Recuperará o PP a alcaldía amesá despois de tantos anos?  

De 11 mandatos que levabamos dende que se instaurou a democracia, o PP gobernou Ames en 7. O Ames que temos en parte é gracias a todos os alcaldes e concelleiros do PP que pasaron polo concello. Será a veciñanza quen decida o 28 de maio.

Que lle ofrece a súa candidatura a veciñanza da capital da Maía?

A miña candidatura é o reflexo da veciñanza amesá. Un equipo que mestura renovación con experiencia. Xente traballadora e que comparten a miña concepción do Ames do futuro e que é mesma que a meirande parte dos veciños, porque todos eles viven en Ames. 

Cales son os seus proxectos estrela e as necesidades perentorias?

Escoitar á xente e tomar nota. Non concibo a política como pasar dos veciños. Un Concello con 94 km2, dóus núcleos: Milladoiro e Bertamiráns, e 11 parroquias no rural, ten xente con problemas moi diversos. E a forma de arranxalos é completamente distinta. O saír da casa e atoparse con beirarrúas levantadas, xardíns cheos de maleza, lixo nas rúas, require que se arranxe de inmediato e por iso escoitando á xente, apuntando e solucionando; creo que debe ser o proxecto estrela de calquera alcaldesa de Ames. 

A maioría de listas son de esquerdas... poderá o PP impoñerse en solitario ou non descartan pactar con Vox ao desaparecer Cidadáns?

Ames é un Concello plural, pero o único partido político que pode gobernar en solitario é o Partido Popular. Nos sete mandatos que gobernou o PP nunca pactou con ninguén, e ovindeiro 29 de maio, Ames estará gobernado pola primeira muller alcaldesa do Partido Popular.

Debe gobernar a máis votada?

Sen dúbida.

Vanessa Vidal, Edil e líder de Podemos

Vanessa Vidal, Edil e líder de Podemos

“Á xente preocúpalle o acceso á vivenda e perda de poder adquisitivo”

Que prioridades pensa que teñen os veciños de Ames?. 

A preocupación da xente ten que ver coa perda de poder adquisitivo pola suba dos prezos e co acceso á vivenda. Pero se pensamos no ámbito municipalista, depende de onde esteamos: a alguén do rural lle preocupará se ten cuberto o saneamento e o abastecemento, se pode ter unha liña de autobús que o conecte con outros concellos ou acceder a outros servizos que se prestan nos núcleos urbanos. Namentres, alguén do Milladoiro ou Bertamiráns o que lle interesa é que se recuperen os espazos públicos, que se humanicen e deste xeito poder desenvolver a súa vida nun espazo máis social. De forma conxunta, a cidadanía o que demanda son servizos públicos de calidade relativos tanto á conciliación como aos coidados. 

Como chegou á política? 

A política non era algo alleo para min; na miña familia sempre houbo cultura política de esquerdas e ensináronme sobre todo a non sentir indiferenza por ela ou polos políticos. Podemos foi esa forza que fixo posible que sentira a necesidade de dar un paso máis. 

E como vai o círculo local? 

É un espazo activo que agora mesmo está inmerso nunha campaña electoral con toda a valentía para trasnformar Ames. Non existe ningún cambio significativo.

Pulsa para ver más contenido para ti