As telleiras de Vilar, na beira do Ulla, xa están na lista verde de conservación do patrimonio

A telleira de Roeiro, unha das mellor conservadas da zona /CONCELLO

A telleira de Roeiro, unha das mellor conservadas da zona /CONCELLO / S. ELVIRA

As telleiras de Roeiro e Padín, situadas á beira do río Ulla en Vilar, están xa na lista verde de conservación do patrimonio tralas obras de posta en valor executadas, tal e como confirmou ao Concello de Valga a asociación Hispania Nostra. O comité técnico encargado de valorar as obras executadas destacou “o traballo e o esforzo realizado” polo Concello para recuperar estes vestixios do patrimonio etnográfico e cultural de Valga, que anteriormente se atopaban ocultos pola maleza e con risco desaparición, destrución ou alteración dos seus valores.

A telleira de Roeiro é unha das mellor conservadas. A súa forma circular é pouco frecuente e convértea nunha das máis singulares de cantas existiron na contorna do Ulla. Esta característica distintiva fai pensar que quizais a súa orixe se remonte á época romana, sendo inicialmente un forno de fundición de metais adaptado logo como telleira. Deixou de funcionar en 1945. A de Padín foi a derradeira da zona en ser construída, en 1942, e tamén a última en apagar o seu forno (1960).