Tres millóns de euros para abastecemento de auga a núcleos de Cabana e A Laracha

No municipio cabanés estenderán a rede a Nantón e Anos, a cal dará servizo tamén ao futuro parque industrial // Na capital larachesa habilitarán un bombeo e outro depósito

O alcalde en funcións de Cabana, José Muíño, e a conselleira Ethel Vázquez asinaron o convenio

O alcalde en funcións de Cabana, José Muíño, e a conselleira Ethel Vázquez asinaron o convenio / Xunta galicia

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade investirá 3 millóns de euros na mellora e reforzo das redes de abastecemento de auga potable de Cabana e A Laracha. Ata o municipio cabanés desprazouse este venres a conselleira Ethel Vázquez para asinar co alcalde en funcións, José Muíño, un convenio para dotar de abastecemento os núcleos de Nantón e Anos e garantir o subministro ao municipio e ao futuro parque industrial. Unhas actuacións que garantirán o subministro a unha poboación total futura de preto de 2.000 persoas.

A Xunta achega o 90% do investimento, algo máis de 1,22 M€ e executará as obras, e o Concello destinará ás actuacións algo máis de 136.000 € e disporá os terreos. A licitación está prevista para o último trimestre deste ano, co obxectivo de iniciar os traballos no primeiro trimestre de 2024. O prazo de execución é de doce meses.

O obxectivo das actuacións é dotar de abastecemento a Nantón e Anos, cunha poboación de 1.500 habitantes e unha demanda futura importante, xa que está previsto que nesa zona se asente o parque industrial da Costa da Morte. Na actualidade, o abastecemento resólvese de forma individualizada, con pozos particulares ou captacións en mananciais que, non garanten auga en cantidade suficiente nin coa debida calidade, segundo o Concello.

Para garantir un axeitado abastecemento, prevense unha nova captación de auga no río Anllóns, a execución dunha potabilizadora e intervencións para completar os traballos que blinden o subministro.

O alcalde, José Muíño, sinalou que “é un acordo crucial, co que dotaremos dun servizo de calidade a veciñanza e o futuro polígono industrial”. Agredeceu á Xunta “o compromiso e apoio para que esta antiga demanda se convirta nunha realidade”.

Por outra banda, Augas de Galicia adxudicou por preto de 1,7 M€ as obras da primeira fase de mellora da rede de abastecemento municipal da Laracha. As actuacións, adxudicadas á empresa Espina Obras Hidráulicas S.A.U. contarán cun prazo de execución de 8 meses.

O obxectivo é mellorar o servizo, solucionando a falta de presión de auga nalgunhas zonas e de capacidade de almacenamento para facer fronte ás demandas na época estival.

Para resolver estas carencias, as actuacións centraranse na ampliación da estación de tratamento de auga potable, na construción dun bombeo e dun novo depósito. Con esta intervención a poboación servida no horizonte de 2034 estímase en 8.559 habitantes.