Bertamiráns será a capital musical da lingua e da cociña do mundo o 17

O Pazo da Peregrina acollerá unha nova edición do Encontro Internacional con pratos de once países de medio mundo

Concerto de Uxía Lambona na casa da cultura con Apego

Unha anterior edición do Encontro internacional que vai acoller o Pazo da Peregrina op 17 / concello

Unha anterior edición do Encontro internacional que vai acoller o Pazo da Peregrina op 17 / concello / M. Manteiga

A capital amesá, Bertamiráns, quence motores para converterse o sábado día 17 de xuño no epicentro da gastronomía internacional, cun novo Encontro intercultural, pero tamén da normalización lingüística, cunha festa da man do programa Apego e Uxía Lambona e a Banda Molona.

Comezando polo primeiro encontro, o departamento de Servizos Sociais do Concello de Ames invita a toda a veciñanza a acudir ata o Pazo da Peregrina o vindeiro sábado para degustar, a partir do mediodía, pratos típicos de diferentes nacionalidades realizados por veciños e veciñas da capital maiá, procedentes de diferentes lugares como poden ser Arxentina, Colombia, Brasil, Guatemala, Venezuela, México, Nicaragua, República Dominicana, Marrocos, Ucraína ou Grecia, entre outros. Ao longo da xornada tamén haberá diferentes actividades como o espectáculo Vaia Tea! de Xucrut Teatre.

Algúns dos compoñentes de Uxía Lambona e a súa banda / u. l.

A cocina mexicana tamén estará na cita / Concello

Este espectáculo nace a raíz dun encargo da campaña de roupa limpa –financiada por Setem Catalunya–, na primavera do 2010 para crear unha peza de teatro que fale do consumo de roupa e poida chegar a un público amplo. Dende Xucrut abordan o tema do consumo de roupa con humor e, así, crean un clima propicio para abrir debate co público ao rematar o espectáculo.

Do mesmo xeito, haberá un posto informativo e de venda de comercio xusto. Tanto a representación teatral como o posto de comercio xusto son dúas actividades desenvoltas por Solidariedade internacional de Galicia e forman parte do programa de sensibilización do Fondo galego de cooperación e solidariedade, do que Ames é socio. Todo isto sen esquecer a actuación musical a cargo de Misael Sánchez, músico venezolano que reside en Ames dende hai anos.

Ao abeiro deste Encontro Intercultura, tamén está previsto un obradoiro de cociña sostible, en horario de 12.00 a 14.00 horas, para concienciar á poboación sobre a gastronomía de aproveitamento. Trátase dunha actividade dirixida á poboación de entre 15 e 35 anos. Contará coa participación do cociñeiro Álex Iglesias, do restaurante Cabanas, e a organización lembra que “o noso consumo diario repercute sobre fenómenos globais como o cambio climático ou a escaseza de auga, dúas das cuestións centrais do proxecto europeo People & Planet”. Neste senso, un estudo da Comisión Europea revela que o xeito de alimentarse é responsable do 52 % do impacto ambiental en España, moi por enriba dos medios de transporte ou da calefacción nos fogares. Cómpre pois modificar os estilos de vida e promover hábitos sustentables, tamén na cociña, para reducir a pegada hídrica e de carbono.

Trátase dun showcooking de gastronomía sostible no que se prepararán pratos de proximidade cos que reducir a pegada de carbono. Encádrase no proxecto europeo #PeopleAndPlanet e #EuDEARProgramme. Ofértanse un total de 20 prazas, e as persoas interesadas poden inscribirse a través do formulario que aparece na páxina web municipal.

Pola súa banda, o programa Apego pecha a programación do primeiro semestre de 2023 cun concerto, que estará protagonizado por Uxía Lambona e a Banda Molona. A actividade, gratuíta e dirixida a un público familiar, terá lugar o sábado, 17 de xuño, ás 19.00 horas, na casa da cultura de Bertamiráns. Se o tempo o permite, o concerto trasladarase ao exterior, e será na praza de Chavián para poder acoller a todas as familias que queiran vir gozar do concerto. O prazo para anotarse está aberto dende o pasado día 8 ata o 15 de xuño, e as persoas interesadas en participar deben enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indique nome, apelidos, idades dos rapaces/as e un número de teléfono de contacto.

A cociña mexicana tamén estará na cita / concello

Algúns dos compoñentes de Uxía Lambona e a súa banda / Concello

Será, di a organización, unha das actividades máis agardadas, cun concerto no que Uxía Lambona e a Banda Molona presentarán o seu novo espectáculo Un soño é... con temas novos, pero tamén cos clásicos “da banda máis molona que temos no país para comezar o verán con enerxía da boa fartándonos de rir, de cantar e de bailar ao ritmo de rock, ska, reggae ou cumbia, entre outros”.

Uxía Lambona e a Banda Molona é un conxunto musical infantil que naceu como proxecto lúdico, musical e educativo no ano 2014. A banda está formada por Sergio Rodríguez, Diego Roca, Fernando Moure, Jorge Muñoz, Diego Martínez e a cantante Laura de Gabriel. “O obxectivo principal é sobre todo facer cantar e bailar a nenos e nenas, achegándolles os temas tradicionais galegos dunha forma nova e atractiva. Para iso, utilizan novos estilos musicais como o ska, rock ou o hip-hop mesturado con música tradicional popular e ofrécennos temas como A Carolina rapeada ou o Jato rockeiro”, segundo precisaban.

O programa Apego é un proxecto colaborativo no que participan varios concellos, e que vai dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anospara promover o uso do galego.