O BNG solicita no Parlamento medidas de seguridade viaria na recta da Anchoa de Fisterra

Demanda melloras en Estorde e un proxecto de humanización das dúas travesías centrais de Cee

Tramo da coñecida como recta da Anchoa, en Fisterra, onde un veciño perdeu este ano a vida nun atropelo

Tramo da coñecida como recta da Anchoa, en Fisterra, onde un veciño perdeu este ano a vida nun atropelo / Google Maps

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) rexistrou no Parlamento unha proposición non de lei para instar á Xunta a acometer “de xeito inmediato” as medidas que sexan necesarias para mellorar a seguridade viaria e, en especial, garantir a seguridade dos peóns na coñecida como recta da Anchoa, de Fisterra, onde a principios do pasado mes de xuño perdeu a vida un veciño nun atropelo. Unha zona que, segundo lembra o deputado nacionalista Daniel Pérez, “suma ducias de sucesos, polo que se precisa dunha solución urxente que elimine, ou cando menos reduza, a sinistralidade”. A solución pasaría, engade, “por que as autoridades competentes reforcen a seguridade viaria neste tramo da estrada”. En concreto, dende o Bloque propoñen que se habiliten pasos de peóns e que se reduza o límite de velocidade nese treito.

Cómpre lembrar que tamén se constituíu unha plataforma veciñal, que xa organizou unha concentración e unha manifestación, e que segue a traballar para conseguir melloras para evitar que haxa que lamentar máis desgrazas.

No BNG consideran igualmente prioritario actuar na AC-445 ao seu paso por Estorde (Cee), onde din que “non existe ningún paso de peóns, co conseguinte risco para as persoas que cruzan a vía, sexan veciños ou usuarios da praia”. A este respecto, Daniel Pérez subliña que se trata dun tramo de arredor de 700 metros que “rexistra unha alta densidade de tráfico na época estival, ao que tamén contribúe a existencia nas dúas marxes da estrada de establecementos adicados á actividade turística”.

Por outra banda, o BNG demanda igualmente actuar nas estradas C-552 e C-550, coñecidas como Avenida de Fisterra e Avenida Fernando Blanco, de Cee, porque “contan cun historial de sinistralidade tristemente coñecido. Son reiterados, no tempo e no espazo, os atropelos en ambas vías”. Uns sinistros que atribúen á falta de seguridade para os peóns, polo que propoñen impulsar unha plan de urbanización e humanización.