As Illas Canarias sitúanse como o destino de vacacións máis demandado entre a veciñanza de Área

A duración máis habitual das estancias é dunha semana

As axencias de viaxes fan fincapé “na gran subida dos prezos”

Viaxeiros no aeropuerto Rosalía de Castro, situado en Santiago

Viaxeiros no aeropuerto Rosalía de Castro, situado en Santiago / ECG

Coa chegada do verán e da calor que habitualmente o acompaña, as viaxes entre a veciñanza de Área de Compostela aumentan de xeito significativo con respecto ao resto do ano. Aínda que tanto a pandemia como a constante suba dos prezos, derivada principalmente da inflación, modificaron algúns dos hábitos de consumo, as axencias de viaxes aseguran que a xente “non quere quedar sen vacacións, aínda que sexa ir só cinco días”. Entre os destinos favoritos, seguen a liderar o ranking aqueles que teñen praia, un dos lugares máis asociaciados aos períodos estivais.

“Con moita diferenza, o destino que máis se solicita son as Illas Canarias, especialmente Tenerife, pero tamén hai moita xente que quere ir a Gran Canaria ou Lanzarote”, detallan dende Viajes Fontao, situada na localidade de Ribeira. En Antela Viaxes, axencia localizada en Bertamiráns (Ames), coinciden en que estas illas son “o destino estrela” desta tempada, aínda que puntualizan que “son un clásico”. O perfil destes viaxeiros está tamén moi definido: “xeralmente son familias con nenos e o tempo habitual de estancia é unha semana”. Os voos directos dende os aeroportos galegos ás illas, o que facilita o desprazamento, e os paquetes de todo incluído, son algúns das claves, segundo apuntan as axencias, para que estes destinos sexan os máis elixidos.

No mes de agosto, Xiana Fernández, veciña do municipio de Carballo, que viaxará a Tenerife coa súa familia durante sete días. “Case sempre pasamos unha semana en Canarias, pero ás veces cambiamos de illa. O ano pasado estivemos en Gran Canaria”, sinala. Fernández apunta tamén que “está todo moito máis caro, non podemos ir máis tempo porque o gasto é moi superior ao de antes de pandemia”.

O tempo medio de estancia é sempre unha semana, os prezos subiron moito”, explican desde a axencia de Bertamiráns. Na ribeirense destacan unha “ausencia de viaxes longas”, coa “excepción de algunha lúa de mel ou cousas puntuais”. “Neste tipo de viaxe teñen máis éxito aqueles sitios nos que agora en verán hai voos que van directos, aínda que algúns como Albania non sabemos por que non acaban de funcionar”, remarcan.

Turismo de las Islas Canarias y la IA.

Campaña de turismo de las Islas Canarias y la IA / JOSÉ LUIS ROCA

Exemplo dunha escapada de maior duración é o de Marta Rodríguez Lorenzo, residente en Brión, quen irá dez días a Croacia co seu mozo. “Hai moito que non imos de viaxe. Vou de vacacións só cando podo e non acostumo a ir sempre aos mesmos sitios”, indica. No seu caso, explica que decidiron reservar todo a través de portais especializados en liña e reservando os seus voos nas propias aerolíneas.

Caso distinto é o de Pelayo Suárez, veciño de Negreira, quen dende o ano 2018 veranea coa súa familia dentro de Galicia, concretamente en Louro. “Nós alquilamos directamente ao propietario todo o ano, entón no verán imos máis ou menos un mes, e o resto do ano pois algunha finde cando vai bo tempo”. Isto fai que “xa teña amigos alí, aínda que a maioría somos de vilas de arredores”. Con todo, apunta que “despois da pandemia moita xente deixou de ir, pola subida dos prezos”.