Alianza pola alfabetización climática

Alumnos dos institutos Virxe do Mar de Noia e Poeta Añón de Outes participaron, xunto a estudantes de Polonia e Portugal, na gravación da película ‘Cinema Climantopía’, no marco dun proxecto pedagóxico de acción polo clima

Forma parte dunha unidade didáctica que inclúe libros electrónicos e un musical

Alumnos durante a gravación das escenas da película no IES Poeta Añón de Outes / climántica

Alumnos durante a gravación das escenas da película no IES Poeta Añón de Outes / climántica / suso souto

A casa da cultura de Outes acollerá o luns 17 ás 19.00 horas a estrea da película Cinema Climantopía, en cuxa gravación participaron as comunidades educativas do IES Poeta Añón de Outes e do IES Virxe do Mar de Noia no marco dun proxecto liderado pola Universidade de Santiago coa participación tamén das universidades de Bolonia (Italia) e Aveiro (Portugal) e de centros escolares polacos, portugueses e españois.

A película forma parte do proxecto Erasmus+ EduCinema Clima TourAction e foi coordinada pola Universidade de Santiago de Compostela. Este proxecto pon o foco no cinema como recurso pedagóxico e social na acción polo clima.

José Antonio Caride, investigador principal do proxecto Erasmus+ do que forma parte a película e director do Grupo de Investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental da USC, presentará o luns a fundamentación teórica na que se enmarca. Pola USC participará tamén Francisco Sóñora, investigador dese mesmo grupo dende onde dirixe o proxecto Climántica, quen presentará as relacións das escenas desta película cos elementos didácticos do proxecto Erasmus+ Educinema CTA: o seu libro de texto para 4º de ESO e 1º de Bacharelato Climantopía: o libro escolar, e o material para formar aos estudantes como axentes de difusión á cidadanía mediante o libro titulado Ciencia Cidadá con Climantopía.

Esta película integra escenas gravadas polos seus protagonistas en Outes, Ézaro, A Coruña, Lisboa, Canarias e Lodz (Polonia). Fíxose tamén unha versión da película en formato de teatro musical.

Os alumnos ensaiando o teatro musical en Aveiro / climántica

Os alumnos ensaiando o teatro musical en Aveiro / climántica / suso souto

O proxecto procurou a alfabetización climática de estudantes de entre 15 e 17 anos que crearon unha película de cinema musical, integrando escenarios en diferentes países e contextos de interese para o turismo verde.

Este proxecto de alfabetización cinematográfica para un turismo verde de acción polo clima pon a énfase nunha dobre perspectiva de reflexión e acción pedagóxica e social, cun enfoque interxeneracional, ambiental, escolar, social, cívico e comunitario. Este contexto amplía as potencialidades inherentes á creatividade colectiva centrada na acción polo clima e o rol protagonista das aprendizaxes ó longo de toda a vida.

EduCinema Clima Tour Action foi financiado polo programa Erasmus+ na acción chave Cooperación para a innovación e o intercambio de boas prácticas. A película foi realizada por unha produtora xuvenil que se formou e adestrou en setembro de 2022 no Campus Anual que Climántica celebra anualmente na Universidade de Aveiro, coorganizado entre esta universidade portuguesa e a Universidade de Santiago de Compostela. Tivo 182 participantes de tres países de América Latina (México pola rexión do norte, Panamá pola rexión centro e Perú pola rexión sur); de África, representada por Marrocos; Europa do leste (Polonia e Romanía); e Europa do sur (España e Portugal). Deste grupo, cen desprazáronse a Galicia para participar, en setembro de 2022, na gravación da película. Asumiu o principal papel na codirección unha exalumna do IES Virxe do Mar, María Arufe, graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade Complutense, quen incorporou en papeis destacados a cinco alumnas do citado instituto noiés.

AVEIRO E CANARIAS

A parte de Galicia gravouse en Outes, no Ézaro e no Acuario Finisterrae de A Coruña. As cinco alumnas galegas desprazáronse en novembro a Aveiro e en abril a Canarias para dar continuidade aos seus papeis.

A película explotarase mediante unha unidade diáctica e-learning. Ademais, produciranse un libro electrónico sobre a linguaxe do cinema e outro sobre o teatro musical e deseñaranse prácticas de laboratorio para facer en estands escolares.

Ensaios da coreografía para o teatro musical /climántica

Ensaios da coreografía para o teatro musical /climántica / suso souto

EduCinema Clima Tour Action resultou elixido como o proxecto mellor valorado na convocatoria sobre innovación e creatividade polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación. A nivel metodolóxico, o proxecto inclúe o quefacer integrado e integral na alfabetización cinematográfica das investigacións do grupo SAIBA no encadre do Proxecto Climántica, derivando deste último o enfoque, a metodoloxía e a súa rede multisectorial.

Os obxectivos son a alfabetización cinematográfica para a promoción de boas prácticas de educación ambiental que, ademais de contribuír ao fomento de valores, actitudes e comportamentos ecolóxica e socialmente responsables, favorezan a atracción de persoas que se sintan partícipes de actividades e accións polo clima en destinos turísticos.