Membros de Ecoloxistas en Acción pararon a instalación dunha tubaxe para verteduras da mina de San Finx

Medio Rural nega que sexa parte da mellora vial que fai nesa zona e que interrompeu ata que a empresa mineira acabe a canalización

Activistas de Ecoloxistas en Acción disfrazados de esqueletes parodiando unha partida tras parar a obra / e.e.a.

Activistas de Ecoloxistas en Acción disfrazados de esqueletes parodiando unha partida tras parar a obra / e.e.a. / suso souto

Activistas de Ecoloxistas en Acción paralizaron onte os traballos de instalación da tubaxe pola que, segundo afirman, a filial da empresa australiana Pivotal Metals pretende verter case mil millóns de litros anuais de drenaxes da mina de San Finx (Lousame) “con altas concentracións de metais pesados”. Unha ducia de mariscadores e membros do grupo ecoloxista situáronse diante das máquinas mentres outro grupo disfrazado con caveiras botaba unha partida ao MINApoly, unha versión do popular xogo coa que denuncian “a corrupción que rodea esta polémica mina”.

Segundo o colectivo, as infraestruturas para efectuar as verteduras están sendo executadas como parte dunha obra pública contratada pola Consellería de Medio Rural para o asfaltado dunha estrada local, o que considera “indiciario dun presunto delito de malversación de caudais públicos e prevaricación” e polo que interpuxo unha denuncia penal contra a directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé. Ao respecto, a Consellería de Medio Rural informou a este xornal que “a instalación dunha tubaxe de desaugue incluída nun proxecto de depuración das augas da mina presente na zona, non son da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural”, que si ten paralizada a mellora do camiño Cruce de Silvarredonda a minas de San Finx, solicitada polo Concello de Lousame. Segundo a Consellería, dita obra consiste nunha mellora dun camiño municipal de máis de 500 metros, mediante limpeza de cunetas, bacheo e pavimentado.

Tamén se contemplan o revestido con formigón en cunetas e a sinalización horizontal pertinente. Porén, “non se recolle ningunha partida de entubaxe”, aclara ó respecto.

Medio Rural explica que “esta obra está paralizada á espera de que a empresa Tugsten San Finx finalice a súa, a cal si consiste no soterramento dunha tubaxe de desaugue que interfire claramente co pavimentado do camiño programado por Agader, xa que suporía a demolición do aglomerado”. Engade que “dita obra de soterramento xa está iniciada e no momento do seu remate procederase á pavimentación”.

Pola súa banda, Augas de Galicia dixo que autorizou en febreiro a execución dunha depuradora para permitir que a auga procedente da mina volva ao medio nas condicións axeitadas e cumprindo os parámetros establecidos, e que ese permiso “non implica a reapertura da mina, xa que a explotación mineira require unha autorización específica e a tramitación ambiental”. Engade que, a petición da empresa, autorizou unha ampliación de dous meses para as actuacións autorizadas.