Centos de persoas mobilízanse na mina de San Finx "en defensa da Ría de Muros e Noia"

A xornada de protesta incluíu un enterro simbólico dos productos da ría, unha degustación e un concerto

Centos de persoas maniféstanse en San Finx "en defensa das rías de Muros e Noia" e contra os vertidos

Centos de persoas maniféstanse en San Finx "en defensa das rías de Muros e Noia" e contra os vertidos

ECG

Máis de 300 persoas mobilizáronse esta mañá na propia mina de San Finx de Lousame en defensa da ría de Muros e Noia, e contra os verquidos que ameazan o sector do mar "polo seu impacto catastrófico". “Amosamos unha vez máis a nosa oposición absoluta a que se poña en risco o futuro da ría e dos millleiros de empregos que xera, non imos deixar que os verquidos saian adiante”, asegurou Joám Evans, portavoz da Plataforma de afectados pola mina de San Finx.

Pola súa banda, Santiago Cruz, patrón maior da Cofradía de Noia, agradeceu o compromiso de todos as persoas asistentes á concentración de hoxe, ao tempo que instou a Xunta a que mude as súas políticas medioambientais “porque son un fracaso, os ríos e as rías están morrendo pouco a pouco”. “Non entendemos como a Xunta está en contra dos pobos mariñeiros e permiten este dano medioambiental irreparable”, engadiu.

Centos de persoas manifestáronse na mina de San Finx "en defensa das rías de Muros e Noia

Centos de persoas manifestáronse na mina de San Finx "en defensa das rías de Muros e Noia

Isaac Gaciño, patrón maior da Cofradía de Portosín, incidiu na firme oposición “a non permitir ningún tipo de toxicidade na nosa ría”. “Son moitos postos de traballo, moitas familias as que viven dela e a loita non para aquí. Son 40.000 os postos de traballo directos e indirectos os que están en xogo e non podemos permitir que a calidade dos nosos produtos sexa contaminada”, subliñou.

Rogelio Santos Queiruga, viceportavoz da Plataforma de afectados pola mina de San Finx, reflexionou sobre “a importancia de coidar as nosas rías se despois queremos unha boa alimentación para a sociedade”.

A Plataforma comarcal contra os verquidos, encabezada polas cofradías de pescadores, demanda que “a Xunta revoque a autorización concedida á mineira australiana a comezos do ano, logo de que ademais se incumprise o condicionante de ter finalizadas as obras en catro meses”.

Enterro simbólico de produtos do mar para denunciar os vertidos da mina de San Finx

Enterro simbólico de produtos do mar para denunciar os vertidos da mina de San Finx

A protesta incluíu un enterro simbólico dos productos da ría coa compañía de teatro ‘Os Quinquilláns’, un concerto do grupo musical Barahúnda e unha degustación de productos da ría ofrecida pola Cofradía de Noia, que avisa de que “podería ser a última se se permite que os vertidos de San Finx acaben por realizarse”.