Cee reforza o investimento nos servizos de axuda no fogar, conciliación, limpeza viaria e tratamento de residuos

A Corporación aprobou os orzamentos de 2023, que ascenden da 6,4 millóns de euros // A oposición rexeitou as contas e criticou o gasto en dedicacións exclusivas do novo goberno local

Pleno de debate dos orzamentos municipais de Cee para 2023

Pleno de debate dos orzamentos municipais de Cee para 2023 / Concello de Cee

J. M. Ramos

O Concello de Cee disporá este ano dun orzamento de 6.405.808 euros, o que supón un incremento de 664.421 € respecto ás últimas contas municipais aprobadas en 2020. O grupo de goberno (PSOE, 7) fixo valer a súa maioría na Corporación local para sacar adiante uns presupostos que foran rexeitados no último tramo da lexislatura anterior cando o grupo socialista estaba en minoría. Nesta ocasión, os grupos da oposición (PP, 3; BNG, 2; e IxCee, 1) tamén votaron en contra e volveron a criticar, de xeito especial, os salarios fixados para os edís con dedicación exclusiva.

A subida de ingresos vén xustificada, segundo a alcaldesa, Margarita Lamela, polos incrementos previstos do ICIO (100.000 €), as taxas de licencias urbanísticas (55.000 €), a participación dos tributos do Estado (374.122 €), e o Fondo de Cooperación Local (388.000 €).

A rexedora subliñou ademais o "incremento considerable" da partida de servizos sociais destinada ao servizo de atención no fogar, que pasa de 395.214 euros a 536.832 euros. Ademais engádese unha partida de 13.600 € destinada a conciliación para atención do servizo de conciliación ou madrugadores. Tamén aumentou a partida destinada a protección de salubridade pública, que inclúe os gastos de xestión de animais, pasando de 50.014 a 70.000 euros,

Igualmente, o orzamento destinado a servizos de recollida selectiva, limpeza viaria e tratamento de residuos acada os 837.818 euros, algo máis de 127.000 € respecto ao orzamento anterior, contemplándose unha partida destinada a substitucións por importe de 40.000 euros para cubrir a baixas dos traballadores do Concello de limpeza viaria e recollida de residuos. Asemade duplícase a cuantía destinada a xardinería (90.000 euros), debido aos procesos de licitación de desbroce.

Pola súa banda, no capítulo de inversións destacan a adquisición de terreos polo procedemento de expropiación dunha parcela na zona do Fornelo para ubicar nela a nova estación depuradora de augas residuais (EDAR); as aportacións municipais para as obras da casa da cultura de Brens, a pavimentación de Morancelle e o proxecto de aforro e eficiencia enerxética nas zonas de Valiñas, paseo Praia da Concha, Casas Baratas e Piscina.

Tamén se contemplan a rehabilitación da Praza do Campo, una auditoría municipal da rede de saneamento para a detección de infiltracións, a dotación dunha instalación de enerxía fotovoltaica na piscina municipal, a modernización e xestión sustentable das infraestruturas das artes escénicas e musicais (iluminación e son do auditorio municipal), a pavimentación do viario interior do lugar da Grixa, a creación dunha aplicación móbil de comercio e turismo, a rehabilitación do lavadoiro do Son, a habilitación dunha aula móbil itinirante, a adquisición de contedores, e a continuación dos proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas zonas de Escabanas 2, Ancares, Igrexa e Montañés; Canosa, Lires, San Xosé de Pereiriña e Raíces; e Lobelos de Arriba, Vilanova, Codesos, Bedán, Chafaris e Cantorna.