Ames abriu o prazo para a solicitude de adxudicación de 295 unidades de enterramento no cemiterio municipal

Ofrécense 153 panteóns de tipo A e 65 do B, 20 columbarios, 57 tumbas e 263 nichos independentes

O prazo remata o 25 de agosto

Panteóns dunda das rúas do cemiterio municipal de Os Batáns, no concello de Ames / concello de ames

Panteóns dunda das rúas do cemiterio municipal de Os Batáns, no concello de Ames / concello de ames / redacción

Redacción

A xunta de goberno local de Ames aprobou o expediente da segunda licitación, mediante procedemento aberto, tramitación ordinaria, cun único criterio de adxudicación (que é o prezo) para a concesión de unidades de enterramento no cemiterio municipal de Os Batáns. Os interesados deberán presentar ata o 25 de agosto a correspondente solicitude, a través da sede electrónica ou de xeito presencial nas oficinas de asistencia en materia de rexistro de Bertamiráns e do Milladoiro.

En 2017 convocouse unha primeira licitación que comprendeu as unidades de enterramento dispoñibles. Debido a que, tras esa primeira licitación, quedaron desertas numerosas unidades, posteriormente no ano 2019 realizouse un procedemento de adxudicación directa entre as persoas interesadas. As concesións outorgáronse, por períodos de 25 anos renovables ata un máximo de 75 anos, ou por períodos de 75 anos sen posibilidade de renovación, a petición dos solicitantes.

Posteriormente, rematados ditos procedementos, para aquelas persoas que precisaron facer uso do dereito funerario e cumprían os requisitos reflectidos no regulamento do cemiterio municipal, foron adxudicadas concesións temporais non renovables por períodos de 5 anos.

Debido a que segue a haber dispoñibilidade de unidades de enterramento no cemiterio, volveuse aprobar o procedemento da segunda licitación, mediante procedemento aberto, para a adxudicación, do uso privativo, das unidades de enterramento dispoñibles no cemiterio.

Ademais, a través de dita convocatoria ofrécese a opción ás persoas que dispoñen dunha concesión temporal de 5 anos de solicitar a conversión nunha concesión de longa duración da unidade de enterramento utilizada. Tras as adxudicacións que xa foron realizadas anteriormente, neste segundo procedemento, os nichos, panteóns, tumbas e columbarios que se ofertan en concesión son os correspondentes ás rúas 1, 2, 6 e 7.

Existen cinco lotes que se distribúen do seguinte xeito: 153 panteóns tipo A (3 nichos e un columbario); 65 panteóns na rúa 2 tipo B (4 nichos); 20 columbarios na rúa 1; outros 263 nichos independentes na rúa 2; e 57 tumbas na rúa 6.

Existen dúas modalidades de concesión: por un período de 25 anos, con posibilidade de renovación por períodos de 25 anos ata un máximo de 75 anos, e concesión por período de 75 anos non renovable.

As persoas interesadas deberán presentar ata o vindeiro día 25 de agosto, ás 14.00 horas, a correspondente solicitude para a adxudicación dalgunha das 295 unidades de enterramento que se ofrecen.